Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

O republicanismo ourensán na encrucillada dos anos trinta (III)

A columna divídese en tres: unha permanecerá en A Gudiña realizando operacións de limpeza ó mando de Ros, localidade na que tamén permanece F. Ayala. Unha segunda columna avanza cara Viana do Bolo e a terceira, mandada polo alférez da Garda Civil Francisco Piñel Estévez, responsable do posto de Xinzo de Limia, faino en dirección a Zamora coa misión de "ponerse en contacto con los puestos de Carabineros de la Frontera, que se sabía estaban en una situación equívoca". Piñel dispuxo que os carabineiros se adiantasen nun camión mentres el os seguía noutro vehículo cos gardas civís a uns catrocentos metros "a fin de que si sobrevenía algún encuentro, los Carabineros viesen que también iban compañeros suyos". Cando o primeiro dos camións dobraba unha curva que daba entrada á ponte dos Arandos, como sinalamos tamén dinamitada, foi sorprendida por uns paisanos que dispararon sobre eles, conseguindo fuxir nunha camioneta incautada horas antes. Reagrupadas as forzas se realiza unha rápida exploración polos montes dos arredores sen resultado, polo que a columna continúa a súa marcha cara as aldeas de o Pereiro, A Mezquita e Cádavos.

As tropas non atopan resistencia algunha nas dúas primeiras localidades, pero nas proximidades de Cádavos son informados por uns paisanos de que a camioneta que perseguían, reforzada con carabineiros leais á República, se dirixía cara eles, "en vista de lo cual ordenó a la fuerza echar pié a tierra". Segundo Piñel, os cinco paisanos e sete carabineiros tentaron rodealos en actitude ameazante coas súas armas, e "tanto por evitar en lo posible el hacer víctimas o el sufrirlas, como porque en realidad no tenía plena confianza en la fuerza de carabineros que constituía su retaguardia, intentó separar paisanos y Carabineros, engañándoles y diciéndoles que todos querían lo mismo, esto es, defender al gobierno constituido, y merced a este engaño consiguió su dicha pretensión de separarlos, en cuyo momento ordenó a los Guardias hiciesen frente a los paisanos, lo cual efectuaron deteniéndolos a todos".

De novo en A Mezquita, Piñel é informado de que os carabineiros deste posto e os de A Gudiña diríxense ó seu encontro. Daquela envía a un garda civil acompañado de varios números para que lles "convenciesen de la inutilidad de ofrecer resistencia, tomando no obstante las precauciones consiguientes para evitar una sorpresa, pues (...) venía de Villavieja o por lo menos de aquella dirección y allí estaba el cuartel general de los revoltosos obreros". O parte de operacións de J. Ros sinala que sumáronse á súa columna "con entera lealtad así como a la causa del movimiento revolucionario del ejército, abrazando a la fuerza y demostrando también su contento por haberles sacado del engaño en que se encontraban manifestando que se habían unido a los paisanos por tener orden superior para ello". Malia as evidentes intencións de protexelos que se desprenden dos seus primeiros comunicados oficiais, acabaría por recoñecer a súa equívoca actitude, malia o que non se procedeu ó seu desarme e detención "por la situación crítica que se pudiese crear de momento entre los demás compañeros que formaban parte de la columna un estado de ánimo y originar algún acto que dividiera en dos bandos a la totalidad de la fuerza y acarrear gravísimas consecuencias para sofocar cualquier acto de desafección que por este motivo pudiera surgir y además por no aminorar con este obstáculo la moral del resto de la fuerza de la columna que ignoraba lo sucedido; no obstante se acordó dejarla en distinto puesto sometidos a una discreta vigilancia (...)".

Rematadas todas estas operacións, e por razóns non demasiado claras, as tropas regresan cara A Gudiña cos efectivos de Carabineiros do posto de Cádavos en lugar de avanzar sobre Vilavella, onde estaban refuxiados os principais dirixentes obreiros, permitindo a fuxida destes. Tampouco resulta doado explicar porqué non tentaron proceder a detención do xeneral Juan José García y Gómez Caminero que, segundo as informacións que se lle proporcionaron a J. Ros en A Mezquita, se atopaba en Lubián ou en Requejo, localidades situadas xa dentro da provincia de Zamora pero a moi escasa distancia daquela. Segundo o capitán carecía de ordes específicas nese sentido, xa era de noite cando chegaron a Cádavos e consideraba necesaria a protección dunha sección de armas automáticas da que carecía. Unha vez que todos os efectivos están de volta, a columna regresa a Verín sobre as vintetrés horas, non sen antes reforzar Ros os postos de Viana e A Gudiña -especialmente este último- cun forte destacamento e a misión explícita de manter a orde e asegurar, se fose preciso, o paso de columnas militares.

O vintecatro de xullo ordenárase oficialmente a concentración en A Gudiña da totalidade dos postos da 4ª Sección da 2ª Compañía, sen que a verificasen os carabineiros dos postos de Tameirón e Castromil. Daquela os xefes e oficiais da mesma e o propio capitán da Compañía realizan numerosas xestións para estableceren o seu paradoiro, resultando completamente infructuosas. Os seus respectivos responsables, os cabos Ángel Redondo Rivero e Bienvenido Carnero Pueyo, artellaron un inverosímil relato segundo o que, en esencia, andiveran errantes pola fronteira -o primeiro mesmo di que se internou en Portugal- "por temor a encontrarse con los obreros, dada la inferioridad de fuerza y de elementos de los que disponía, en comparación de los que ellos contaban".

A realidade debeu ser ben diferente: cunha implicación tan directa nas requisas, ó non cruzarse coa columna de Ros e, seguramente, confiados no rápido fracaso do golpe, seguiron fielmente as instruccións de Ayala; os primeiros días, gracias ó sustento material de varios veciños que lles levaban a comida ó monte, pasáronos procurando noticias entre ducias de persoas que se estaban a mover a un e a outro lado da raia fronteiriza, sendo perfectamente conscientes da situación en que se atopaban a medida que pasaba o tempo e permanecían sen facer a súa presentación. Esta non se verificará ata o día once de agosto, un día despois de que recibisen unha orde "en el sentido de que los destacamentos que no se habían juntado con las fuerzas adheridas al movimiento y que no hubieran hecho armas contra ellas, se presentasen en el plazo más corto a partir de su fecha, quedando exentos de responsabilidad". Pouco despois eran trasladados a Ourense a disposición do comandante militar. Non tardarían en comezar as dilixencias para depurar a responsabilidade de todos eles.

Para delimitar máis claramente as responsabilidades dos carabineiros da provincia de Ourense instruiuse un proceso separado dos elementos civís que acabou por sobreporse a unha causa xeral incoada no ámbito de toda a VIII División para depurar a conducta dos "jefes, oficiales, clase e individuos sin graduación del Instituto de Carabineros que con ocasión del glorioso movimiento contra-revolucionario del Ejército español fué a él contraria con pasividad maliciosa o criminal actividad, salvo honrosas y por ello más beneméritas excepciones". A esta causa asignouselle o número 516/1936, sendo o seu instructor o comandante Martínez Nieto, encargado de centralizar todas as actuacións en A Coruña mentres os carabineiros implicados eran trasladados á prisión militar de O Ferrol. Para a súa tramitación se seguiron unhas complicadas directrices que trataremos de sintetizar en base ó dictame do auditor de guerra de 18 de agosto dese ano no que se contiña o máis substancial das mesmas:

1º.- Formar unha peza xeral da causa na que o instructor elaboraría un listado dos carabineiros adscritos a VIII División, separados por comandancias e agrupados en tres niveis:

a) Os que prestaban servicio activo os días 19 a 21 de xullo.

b) Os que, unha vez pacificada a zona na que estaban destinados, continuaron de servicio secundando as ordes dos sublevados.

c) Os que se atopaban suxeitos a procedementos xudiciais diferentes do que se estaba a incoar.

2º.- Da peza xeral debían separarse tantas pezas como localidades ou prazas nas que se tivese noticias de que un carabineiro cometera algún acto "delictuoso".

3º.- No suposto de que xa se estivese instruíndo unha causa contra individuos do citado corpo, o instructor da peza xeral debía solicitar do xulgado militar de zona testemuño do auto de procesamento ou, no seu caso, da sentencia, que se unirían á peza separada correspondente.

4º.- Outras cuestións de procedemento:

a) Os xuíces de cada praza próxima ó lugar dos feitos debían asumir un papel protagonista nestas pezas separadas para evitar desprazamentos do instructor da causa xeral.

b) Os interrogatorios ás diferentes testemuñas debían centrarse naqueles feitos relacionados coa perpetración dos delictos de traizón, rebelión, deserción, neglixencia, abandono de servicio e contra a honra militar, eludindo feitos e comportamentos anteriores ó 18 de xullo -o que contrastaba co que estaba a ser a norma xeral no caso de paisanos-, e toda a instrucción debía ordenarse á determinación destes delictos concretos e dos responsables da súa comisión.

c) Agás por motivos excepcionais, o proceso non debía deterse, debendo resolverse rapidamente as dúbidas que xurdisen na súa tramitación.

No que atinxe ós carabineiros de Ourense as actuacións concentráronse na depuración da conducta observada polos destinados nos distintos postos encadrados nos concellos de A Gudiña e A Mezquita.

Relación de carabineiros: o posto de A Gudiña contaba co sarxento Esteban Gómez Santos e os carabineiros José Galán Jiménez e Tomás Mayo Polo; o de A Mezquita, cos carabineiros Bernardino Guerra Fuentes, Manuel Rivela Martínez, Secundino Díez Sanfrutos e Juan Doval Gallego; posto de Barxa, co cabo Antonio Mourillo Domínguez e os carabineiros Manuel Pérez Rodríguez, José Pérez Rodríguez, José Vieito Rodríguez e Domingo López Barazal; o posto de Tameirón, co cabo Ángel Redondo Rivero e os carabineiros Carlos de Oña Rodríguez, Ángel Pérez Fernández, Ladislao Gómez Horcajuelo e Manuel Fernández Curto; o posto de Castromil, co cabo Bienvenido Carnero Pueyo e os carabineiros Manuel Fadón Tejedor, José del Río González, Pablo de Blas Zayas, Ángel Vega Gutiérrez e Ramón del Río González; o posto de Cádavos, co sarxento Juan Meilán Castro e os carabineiros Victoriano Alonso González, Isidro Sánchez Garrido, Casiano Martínez Barja, Manuel Fernández Curto e Jesús Asenjo García.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats