Vai para un ano que despedimos o Vindel. Fixémolo co artigo: "Pergamiño Vindel: Marcho, que teño que marchar!! (Faro de Vigo, 14-03-2018), asinado por Cipriano Jiménez, en representación e como membro da Asociación Cultural Pertenza, que fixera ademais a primeira xestión coa Morgan Library en NY para que o Pergamiño viñera a Galiza. A prensa (en papel e dixital), a radio, a televisión, as redes sociais dedicáronlle de forma continuada ao longo dun período, que abrangue do 2015 ao 2018, espazo, información e comentarios a este extraordinario acontecemento. E, sobre todo, durante a súa exposición no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, desenvolvéronse unha serie de actividades: mesas redondas, conferencias, concertos, programas de radio, entrevistas, publicacións, cinemas...Entre as cales o Simposio Internacional E irei madr a Vigo (outubro 2017 - febreiro 2018), cuxo contido recóllese na obra The Vindel Parchment and Martín Codax / O Pergamiño Vindel e Martín Codax que a fins do 2018, publicase na editorial holandesa, John Benjamins Publishing Company, ao coidado de Alexandre Rodríguez Guerra e Bieito Arias Freixedo.

Ao parecer é cada vez máis habitual, por mor de facer carreira académica, que se recorra a selos estranxeiros, neste caso da Holanda, para publicar obras que non circulan na sociedade de orixe nin, mesmo, no ámbito dos especialistas. O devandito libro, financiado pola Deputación de Pontevedra, quen xentilmente, previa petición, facilitoulle un exemplar a Pertenza, conséguese so encomenda á John Benjamins Publishing, por un prezo de 105 euros, outro inconveniente mais para a chegada o gran público. Tamén chamou a nosa atención, porque non cadra coa cultura académica nin mesmo coa boa educación, o capítulo de agradecementos, pois está marcado por silencios interesados. Nin os representantes das institucións, responsábeis finais de xestionar a viaxe do Pergamiño Vindel ate acó, o Reitor da Universidade de Vigo, Dr. Salustiano Mato, e o naquel entón Conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Dr. Román Rodríguez, nin Pertenza, asociación que lle propón a Roger S. Wieck, curator da Morgan, a pertinencia de traer o Vindel a Vigo nunha visita persoal celebrada en marzo de 2015, son nomeados. Na entrevista que ten lugar na sede da Morgan Library e que fora programada dende setembro de 2014 en colaboración co avogado neoiorquino Gil Santamarina, Cipriano Jiménez en representación de Pertenza fíxolle entrega dun cartafol sobre Martin Codax, Cantor do Mar de Vigo. E recolleu o protocolo coas esixencias da Morgan para que o Pergamiño puidera viaxar: en organizar actos académicos e condicións do lugar de exposición. Funcións asumidas pola UdV e a Xunta de Galicia, e mesmo, ao remate da conversa, advertíuselle de certas imprecisións nos datos de catálogo do Pergamiño que a Morgan corrixiu so a tutela da Real Academia Galega.

A estadía do Pergamiño Vindel en Vigo, unha das xoias da poesía medieval, tal e como recolle esta obra, é resultado dun traballo de colaboración, constante, documentado e tenaz, entre persoas, institucións e, neste caso, unha asociación, Pertenza, que entende debera ser recoñecida nunha obra que é froito daquela feliz iniciativa que nos dignifica.

*Presidente e vicepresidente A. C. Pertenza