Para unha concelleira do goberno de Cangas saudar ás mulleres con dous bicos é un "micro-machismo" que hai que deixar atrás. Maniféstao na reportaxe que o Faro do Morrazo publica o 8 de marzo co título "Testimonio de mujer".

Arre demo! E eu sen sabelo! Pois hai dous días que saudei así a unha irmá que levaba tempo sen vela. Significa para a edila de Igualdade que demostrei con este xesto o meu machismo oculto? Pois pode ser pero, a verdade, non o entendo.

E que propón Ánxela Vizoso (ASpUN) para evitar as diferenzas? Chocamos as cinco con mulleres e homes, ou optamos polo par de bicos para todos e todas? Se cadra, sería o mellor aplicar os dous saúdos sempre: apretón de mans e xuntar as meixelas ao mesmo tempo sen distinción de sexos.

A min xa non me dá a virada para o cambio, pero prefiro que antes se consiga a igualdade da muller no traballo e que a metade das tarefas domésticas as asuman os homes. E que cada un saúde como queira.

Veciño de Bueu