Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

O republicanismo ourensán na encrucillada dos anos 30

O Real Corpo de Carabineiros de Costas e Fronteiras creouse por un Real Decreto de 9 de marzo de 1829 coa intención de loitar contra o incremento do contrabando rexistrado nas primeiras décadas do século XIX. Inicialmente organizouse en base a doce Comandancias principais -en consonancia coa división militar das provincias fronteirizas e marítimas-, subdividíndose en compañías, tenencias, subtenencias e brigadas. O novo corpo situouse baixo dependencia orgánica do Ministerio da Guerra, competente en todo o relativo ó servicio, haberes, gratificacións, foro militar, retiros e recompensas. En 1833 sufriu unha fonda transformación pasando a denominarse Carabineiros da Real Facenda e a depender da Dirección Xeral de Rendas Estancadas, co que perdeu a súa patente militar; só nove anos máis tarde, en 1842, reorganizaríase outra volta como Carabineiros do Reino segundo o proxecto inicial, recuperando a súa organización militar, aínda que persistiron os problemas derivados do enfrontamento entre os seus mandos e os Intendentes de Facenda. Coa creación en 1852 do Corpo de Aduaneiros quedaron sen efecto as disposicións que autorizaban ós inspectores e administradores de aduanas a dispoñer da forza de Carabineiros, pasando estes a depender dos gobernadores civís en todo o referido ó seu especial cometido como forza armada de orde pública.

Por RD de 4 de xullo de 1924 asignouse ó Corpo de Carabineiros un xeneral de división co cargo de xeneral subdirector e dous xenerais de brigada co cometido de xenerais inspectores ás ordes do director xeneral, incrementándose considerablemente os seus efectivos. Durante a II República os empregos máis baixos experimentaron unha crecente politización, identificándose na súa maioría co novo réxime; velaquí a descrición que desta etapa deixouno Aguado Sánchez coa súa característica "imparcialidade": "(...) la consistencia moral del Cuerpo se resquebraja considerablemente, muchos oficiales fueron exonerados de la noble emulación que les impulsaba a obrar como hombres de honor. Muy influidos los empleos modestos por los partidos de izquierda, se llegó a hacer "voluntaria" la suscripción del Heraldo de Madrid, diario desvergonzado y antimilitarista, que cumplió su intención de observar los valores espirituales y la tradición de un cuerpo prácticamente centenario".

Preliminares do golpe

A segunda metade do ano 1935 principiou en Ourense cunha readaptación na estructura de mandos da Comandancia de Carabineiros a raíz do traslado a Madrid do comandante Maximino Mata; o seu substituto foi o comandante Bernardo Rodríguez Ballesteros, que se posesionou do cargo a mediados do mes de xullo recentemente chegado de Barcelona. Daquela a xefatura das forzas de Carabineiros de Galicia correspondía ó coronel Joaquín Rodríguez Mantecón, que xa estivera destinado en Ourense como xefe da Comandancia. Con todo, non eran os cambios na cúpula do Instituto o que máis preocupaba daquela na capital, senón a anunciada supresión da Comandancia e a súa integración na de Zamora: dende o mes de outubro estábanse a realizar intensas xestións para paralizar esta decisión do Ministerio "no sólo por los servicios que le están encomendados y tan necesarios en esta provincia por ser frontera con 237 kilómetros, sino también por el número de modestas familias que se ven obligadas a desplazarse". Mais ese mesmo ano tomouse a decisión de reducir as catorce Subinspeccións existentes no intre de se proclamar a República a dez zonas con vinte comandancias en lugar das trinta e dúas anteriores na que se pode considerar como organización final do Corpo.

Nin sería o último cambio de mandos nin a relativa calma política duraría en exceso. A convocatoria electoral, a celebración das eleccións e a posterior axitación durante a "primavera tráxica" coincidiu coa elevación á xefatura da Comandancia de Francisco Ayala Victoria, un entusiasta republicano que axiña se convertería no home de confianza do derradeiro gobernador republicano, Gonzalo Martín March, chegado á cidade das Burgas a mediados do mes de xuño. Daquela na gornición ourensá conspírase abertamente. Gran parte da oficialidade amósase partidaria dun golpe, gañada para a causa polo capitán José Navas Sanjuán, representante da Unión Militar Española (UME). Con todo non existe unha total unanimidade entre os seus simpatizantes. As súas follas clandestinas permiten albiscar claramente a división entre os partidarios dunha inmediata acción cirúrxica, os que aínda estaban dispostos a contemporizar por razóns de diversa índole e os que estaban a prol da legalidade republicana; seguramente non eran poucos os que aínda permanecían indecisos, pero de certo que ningún estaba disposto a dar parte da conxura nin a mover un dedo na defensa da legalidade vixente.

Neste contexto chegan á capital as primeiras novas do asasinato de Calvo Sotelo. Aínda resoaban nos templos as prédicas pola súa alma cando o comandante de Carabineiros entrou no despacho de Martín March anunciando que corrían rumores de que Valladolid viña de se sublevar e que as comunicacións coa veciña provincia de Zamora estaban cortadas. A seguir concentráronse no Goberno Civil algúns efectivos das forzas de orde pública e axentes de Vixilancia, pero axiña se puido comprobar que se trataba dunha falsa alarma. Non obstante o gobernador civil, aconsellado por Ayala, decidiu tomar unha serie de medidas para o caso de que tal eventualidade se chegase a producir. Probablemente sexa esta a dirección na que cómpre interpretar a visita realizada á zona oriental da provincia durante a cal, ó parecer, deu instruccións para a organización dunha serie de comités de defensa que debían ter todo disposto para preparar unha marcha sobre a capital no caso de que a gornición decidise secundar un novo pronunciamento.

Malia os rumores, o certo é que as autoridades non foron máis aló de xenéricas recomendacións ós dirixentes políticos esquerdistas que a diario acudían a recibiren novas de que estivesen preparados e en estado de alerta; daquela aínda se mantiña unha tensa calma pero se confiaba cegamente no entusiasmo antifascista do pobo e no potencial da folga revolucionaria para frear calquera tentativa. Con todo, o gobernador dispuxo o día dezasete a concentración en A Gudiña de vinte gardas civís ó mando do sarxento Ildefonso Catalina Camarero co encargo de manterse nesta situación á espera das súas ordes.

As xestións do xeneral Juan José García y Gómez Caminero, xefe da III Inspección do Exército, non conseguiron que a gornición ourensá se comprometese a non secundar a declaración do estado de guerra, aínda que de certo máis dun fixo por unhas horas menos estentóreo o seu compromiso. Ó caer a tarde do dezasete de xullo, un telegrama cifrado chegaba á Comandancia Militar informando, posiblemente, do pronunciamento en Marrocos. Seguidamente, os militares do acuartelamento aseguráronlle ó gobernador civil que non declararían pola súa conta o estado de guerra se as masas non tomaban as rúas e se mantiña a tranquilidade na poboación. A primeira orde que os Carabineiros dos diferentes postos fronteirizos recibiron foi organizar un servicio de vixilancia de estradas para deter ós xenerais José Sanjurjo e José de Calvalcanti, que se pensaba poderían tratar de cruzar a fronteira por terras ourensás.

Mentres no Goberno Civil se improvisaba apresuradamente un Comité de Defensa da República integrado polos máis destacados líderes esquerdistas, o gobernador e F. Ayala tentaban coordinar unha posible resistencia. As novas que chegaban doutras divisións non eran precisamente tranquilizadoras, aínda que se pensaba que o Goberno sería quen de reconducir a situación. Preocupaba especialmente a situación en Valladolid, capital da VII División Orgánica, polo efecto dominó que puidera provocar en Galicia unha eventual declaración do estado de guerra. Esa mesma noite o comandante de Carabineiros saíu en compaña do sarxento do mesmo Instituto Jesús Díaz Suárez e os números Juan Herrero Morales, José Rodríguez Ramón e Juan González Rodríguez a dar instruccións ós postos de Celanova -onde non puido atopar ós tenentes da Garda Civil nin de Carabineiros, ordenando ó chofer da Comandancia Ángel Docampo de la Fuente dirixirse cara Entrimo e Ponte Barxas-, Xinzo de Limia, Verín, Feces de Abaixo, A Gudiña, A Mezquita e Cádavos, entrevistándose cos responsables de cada un deles.

Horas despois, o gobernador comunicaba ós alcaldes de A Mezquita, A Gudiña, A Rúa e O Barco que a tranquilidade era absoluta en toda a provincia e no resto do Estado, pero que debía manterse un servicio permanente nas alcaldías para cumprimentar de inmediato as ordes que se recibisen do Goberno Civil. Pasadas as tres recibíase un novo telegrama de Madrid no que se ordenaba taxativamente ós encargados deste servicio que se negasen a cumprir ningunha instrucción que puidese chegar de Valladolid. A gravidade da situación, confirmada por este telegrama e os incesantes rumores sobre as conversas que está a manter a oficialidade dos cuarteis, fan que Martín March pida a Ayala que dea ordes para que a totalidade das forzas de Carabineiros de Ourense se concentrasen para a defensa do Goberno Civil e trouxesen do cuartel cantas armas e municións tivesen dispoñibles.

De seguido comunicou con Ildefonso Catalina, ordenándolle que transmitise ó alcalde de A Gudiña, Felicísimo Pérez Ortega, e ó comandante do posto da Garda Civil desta localidade instruccións taxativas no senso de que os gardas deberían permitir que os obreiros e as organizacións da Fronte Popular se armasen con todos os medios dos que dispuxesen, requisasen vehículos e cortasen a estrada para evitar que forzas militares procedentes de Zamora puidesen penetrar en territorio ourensán. Tamén se lle indicaba ó alcalde que debía mandar aviso ós obreiros da localidade zamorana de Requejo para que se preparasen para reforzar unha columna que pensaba organizar para converxer sobre esta capital castelá. Finalmente pedíanlle que contactase coas aldeas das proximidades para que todos os obreiros se concentrasen na estrada e impedisen o paso dos sediciosos, "abriendo zanjas a fin de evitar corrimientos núcleo faccioso". Non é tampouco descartable que, naqueles intres, Martín March desexase evitar que unha hipotética "marcha revolucionaria" dos obreiros sobre Verín ou Ourense proporcionase a escusa para que os militares saísen á rúa; o anuncio da organización desa columna podería ser unha manobra para mantelos á expectativa e impedir posibles desmandos, aínda que, pensamos, o decisivo foi a percepción que se tiña dende Gobernación do que estaba a acontecer ó outro lado do Padornelo.

(*) Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats