Véuseme á imaxinación o comic de Guide Crepax no que unha Valentina sonámbula percorre o tren blindado de Trotski igual ca a vella de Dámaso Alonso percorría os vagóns do seu pesadelo cunha aceiteira na man. Na procura do Novo Heliogábalo, ou sexa Trump, Kim Jong-un fixo uns milleiros de quilómetros de convoio até chegar ao seu destino en Viet Nam despois de atravesar a China en evocación da Longa Marcha de Mao Tse-tung á inversa. E aínda botou millas repasando a histórica Rota Ho Chi Minh.

Todo estivo constelado de avisos e mensaxes doadas de clarexar. A República Democrática Popular de Corea naceu dunha victoria armada sobre os EEUU. A estación terminus da viaxe era a capital dun Viet Nam que derrotou os soldados calzados con albarcas de neumático, e por este orde: o imperialismo xaponés, o colonialismo francés e o imperialismo norteamericano.

En Hanoi víronse as estrelas victoriosas de Corea do Norte e de Viet Nam a carón das barras e estrelas humilladas; ou sexa: vencedores e vencidos. O lugar do encontro foi o hotel Metropole que, para moitos, aínda garda pantasmas, arrecendos e detalles acolledores da prosa de Marguerite Duras. A pesares das derrotas sofridas en Viet Nam e Corea, os EEUU viven nun soño de supremacía planetaria.

Centrándonos en Corea do Norte, este seu actual líder foi educado nun sentemento de patriotismo férreo que non esquence o dano que os EEUU lle fixeron, despois do Xapón, ao seu País.

E saben, os norcoreanos, coma os vietnamitas, que os EEUU son susceptibeis de seren vencidos outra vez máis. Tamén os coreanos posúen a vertude dunha paciencia ilimitada e gozan dunha envidiábel cultura da negociación.

Ao citar a Trump en Viet Nam e cruzar a China para saudalo cortesmente, Kim Jong-un abriu os brazos, pero non por render as súas bandeiras. China, Viet Nam, Corea do Norte apareceron por un intre na luz alampante da máis viva das actualidades.

Trump voltou para Washington coas mans baleiras e o mundo soubo, se o esquencera, que hai un Oriente vermello acolá. O dirixente coreano popular regresou á súa patria ordenándolle paradas ao tren blindado para botar uns pitos xa que el é persoa sinxela e tén consideración do seu equipo e séquito.