Comezo a escribir esta tribuna instantes despois de celebrar e compartir o primeiro pleno da igualdade coa rapazada dos centros educativos da nosa vila. Vitamina pura. Un necesita alimentar o seu compromiso social con novos estímulos, sentindo emocións e a satisfacción de que a semente prendeu.

O medo, os medos, son inherentes á nosa condición de seres humanos. Os cambios non son sempre ben recibidos, provocan desconfianzas, conflitos, dúbidas, que só dende a firme e inequívoca convicción e determinación podemos e debemos combater.

A primavera feminista do 8 de Marzo do pasado ano, sembrou o pánico nunha parte da sociedade, esa adoitada desde o poder a manter inalterable a súa propia posición; dito doutra maneira, reaccionaron virulentamente para impedir que a causa feminista consiga cambiar esta realidade dunha vez por todas.

Nin un paso atrás.

É importante que sintamos o feminismo, sentilo, non chega con declararnos feministas, debemos ter unha actitude clara e un compromiso activo, mulleres e homes, na consecución dun mundo xusto, solidario e igualitario.

Hai uns días, asistín á presentación do libro "8 olladas", e foi alí nese preciso momento, onde sentín a necesidade de reflexionar en voz alta.

Decateime tamén, de cal foi o momento da miña vida no que me fixen feminista, e digo, convencido, que foi no preciso instante no que coñecín a miña nai.

A miña admiración por ela, o meu respeto por cada unha das cousas que fixo e o meu recoñecemento por todo o que me ensinou e transmitiu, como aquel día no que as mulleres do Outeiro e Norte -só as mulleres- nun exercicio de valentía, baixaron xuntas ata Bueu a defender o dereito a auga, en igualdade de condicións que as demáis. Era eu moi pequeno e esta é, quizáis, a primeira razón pola que un se sinte feminista.

Hoxe é 8 de Marzo, un día de celebración, un día de loita e reivindicación no cal quero manifestar publicamente o meu total e absoluto apoio ao movemento feminista, cun sorriso e sen medo ao cambio desexado.

*Alcalde de Bueu