08 de marzo de 2019
08.03.2019

Onde están elas?*

08.03.2019 | 01:54
Onde están elas?*

No Día Internacional da Muller 2019 mírase ás líderes cara a un futuro de igualdade. Están na área de Vigo, como xefas ou como pioneiras no campo da ciencia. Á investigación dedícanse 220 mulleres de 372 profesionais e o resultado dos seus traballos mellora a nosa saúde. Cabería destacar algunhas das investigadoras do cadro de persoal que ocupan postos de excelencia: as doutoras Eva Poveda, líder en investigación do VIH e infeccións hepáticas e Susana Teijeira, con importantes proxectos como o de doazón de cerebros. Outras, ata 220, son médicas, enfermeiras, técnicas e residentes que compatibilizan o seu traballo coa investigación. Sinto non citalas a todas pero teño que facer visible a algunha, polo que pido desculpas ás demais. As doutoras Carmen Potel e Sonia Pérez, no campo do virus do papiloma humano, ou Mª Luisa de Castro, cunha importante beca polas tecnoloxías innovadoras en enfermidades dixestivas. Logros como os das pneumólogas Virginia Leiro, Luisa Torres e Mª Isabel Botana, acadando acreditacións europeas no manexo de patoloxías respiratorias. A todas, de primaria e de hospital, os nosos parabéns. Contan co Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, cuxa directora é Beatriz Gil de Araujo, con 890 investigadores ao seu cargo dos que 512 son mulleres. Todas son un exemplo de ata onde as mulleres poden chegar, dende as máis recentes ata as pioneiras na investigación, como a patóloga Carmen Navarro.

Os datos confirman o destacado papel da muller na sanidade de Vigo, non só polo número que representan (79,36% de 6.954 de profesionais), senón pola súa valía. Somos maioría en postos de responsabilidade: un 56,58% de mulleres (219 de 387) son xefas, supervisoras, coordinadoras, encargadas e directivas. Sen esquecernos das mulleres que están ao fronte das organizacións sindicais. Estamos orgullosas delas, e pídolles hoxe aproveitar a oportunidade para cambiar con perspectiva de xénero, como acordamos no Plan Estratéxico 2017-2021. Empecemos xa dende a investigación, facendo visibles as patoloxías propias das mulleres.

Pensemos en igualdade. Feliz día a todas as mulleres.

*Hasthag da Oficina do Parlamento Europeo en España

** Directora RRHH área sanitaria de Vigo

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook