Entender o Universo sempre foi (aínda hoxe, incluso se non parece) unha cuestión de pura supervivencia... En astronomía, dende os tempos de Aristarco de Samos (SIII a.C.) , ou antes, contamos con descubrimentos ou achegas que supuxeron pegadas indelebles para ese entendemento e, por conseguinte, para beneficio e avance da Humanidade enteira. Pegadas de xigantes: así, foron fundamentais as contribucións de Hiparco, Copernico, Galileo, Kepler ou Newton. Nomes de astrónomos que estudamos na escola. Pero, astrónomas non houbo? Houbo, pero non fixeron contribucións importantes? Houbo, fixeron, pero non as coñecemos? Porque o avance global tamén constrúese sobre pegadas e ombreiros menos xigantes e/ou menos coñecidos.

Un exemplo, a saga Herschel: William, gran astrónomo descubridor do planeta Urano, ao que aqueles que estudamos astrofísica coñecemos ben pero que, quizais a poboación en xeral non coñece tanto; Carolina, a súa irmá, gran astrónoma que descubriu 8 cometas (6 levan o seu apelido); e John, fillo de William, tamén gran astrónomo co-fundador da Real Sociedade Astronómica británica, da que foi presidente en tres períodos entre 1827 e 1849. A Carolina e a John, incluso ata non fai tanto, nin as astrofísicas os coñeciamos (polo menos falo por min). Hai moitos máis exemplos, coñecidos, descoñecidos, ou que pouco a pouco van saíndo á luz, como Hipatia de Alejandría (SV), Giordano Bruno (SXVI), o Harén de Pickering (SXX)... buscando ben, unha lista cremalleira igual podiamos facer.

Na Sociedade Española de Astronomía (SEA) andamos polos 800; un 71% de astrónomos e un 29% de astrónomas, porcentaxes que coinciden aproximadamente coa media mundial para este oficio. O "efecto tesoiras", sabemos o que é? Basicamente aquel polo cal so hai un 15% de catedráticas, anque un 50% de mulleres inicien carreiras universitarias. Os traballos científicos das astrónomas son de menor calidade ca os dos seus colegas varóns e polo tanto non merecen ascender? En absoluto. E posto que parece claramente demostrado que que nin o cerebro feminino está mellor dotado para as ciencias, as matemáticas ou a tecnoloxía, nin o masculino o está menos, nin viceversa, non temos hoxe aquí unha ocasión de ouro para avanzar e punto?.

* Astrofísica, profesora da Universidade de Vigo