Di un vello dito que non hai bo vento para quen non sabe cara a onde vai. "Rabado" sabía cara a onde ía sempre porque aferraba o temón con firmeza, afirmaba os pés sobre a mellor cuberta, que é a fortaleza do sector e marcaba o rumbo sobre a mellor carta, que é a de saber que tes a razón e que tes que traballar por ela.

Era unha persoa de vella estampa, que me lembraba aos antigos paisanos que Castelao debuxaba namentres os acompañaba dunha frase lapidaria e nun resumo da sabedoría popular. Así era "Rabado". Un home de grandes mans pero cun corazón aínda máis grande. Así era el.

Pero era unha boa persoa, un bo home. Unha persoa fiel aos seus principios, ás súas conviccións e ás demandas do sector. Amosaba sempre firmeza nas peticións e negociacións coa administración, pero teño que dicir que esa mesma firmeza a aplicaba cando era necesario convencer ao sector das bondades e necesidade dunha decisión. Por iso, por ese razoamento que tiña era doado traballar con el.

"Rabado" era un home xusto. Sirva para exemplificar isto que digo coa a anécdota de cando o coñecín. Eran os meus primeiros días como inspectora de pesca, alá por 1987, e cheguei a Arcade para verificar a corrección do marisco na lonxa. Comprobado que había erros, e ante a posibilidade de ter que comisar todo o exposto, "Rabado" entendeu o problema e peneirou, coa miña axuda, todo aquel marisco exposto. Tarefa de titán, pero que me amosou que era ese home xusto do que lles falo. Tanto que non só non me gardou rancor, senón que incluso nos riamos a gargalladas cando a recordabamos. Profesabámonos un cariño mutuo e sincero.

Era aquel un cariño que el amosaba chamándome Rosiña e eu solo podía demostrar confiando nel a cada temporal que viña. E temporais houbo uns cantos: a profesionalización do marisqueo, o afundimento do Prestige...e en todos confiamos na súa razón e saber. E foinos ben. Foinos ben porque era un home que mesmo espelía a demanda que tranquilizaba ao sector, e iso non ten prezo.

Coma non ten prezo non poder escoitar a súa voz chamándome Rosiña. Pero del quédanos tamén o seu exemplo vital e mariñeiro. Quédanos porque foi un gran patrón en terra e un gran patrón no mar. E nel temos o mellor patrón no ceo.

Ata sempre, patrón.

*Conselleira do Mar