Pasaba un anaco das once e trinta na sombriza mañá daquel xoves, cando as case dúascentas cincuenta pezas de artillería do exército francés, e logo de que os seus servidores fosen agasallados previamente cuns xenerosos grolos de bo coñac da terra patria, abriron fogo sobre as posicións anglo-neerlandesas, comandadas por sir Arthur Wellesley, duque de Wellington. Malia que se tratase do poder bélico máis excelente daquela xeira, as capacidades dos canóns do Emperador víronse minguadas ben axiña: en efecto, o chan enchoupado e brando, con lamas macias por mor da forte treboda da noite anterior, viña absorver o impacto dun bo número de balas. Así as cousas, por volta da unha e media, e desprezando as brétemas mestas da metralla, a infantería tricolor avanzou, resolta.

Sen dúbida, os -sempre moi amables- lectores destas crónicas semanais coñecen ben todo o moito que foi acontecer logo: "My my!/At Waterloo Napoleon did surrender./Oh yeah!/And I have met my destiny in quite a similar way./The history booh on the shelf/is always repeating it self..."

A pesar de que nin sequera arribara a este mundo en abril de 1974, cando os, inmorredoiros, Abba foron gañar Eurovisión, é ben probable que Dna. Inés Arrimadas García, "esa muller de mulleres", teña cumprida noticia así do que sucedeu o 18 de xuño de 1815 en terras belgas como aínda das célebres estrofas de "Waterloo". Porén, decidida non só a considerar como lle cómpre os altos feitos do pasado, senón tamén a protagonizar, ela mesma e sen ningún reparo, os devires da Historia, velaí que, nunha arroutada de afouteza, resolvese atanguer en corpo e alma deica ás portas do Cuartel Xeral inimigo. "¡La República no existe, Puigdemont!", tal vén ser a frase -a competir, desde logo, con esoutras: "Soldados de Francia!: desde o alto destas Pirámides, corenta séculos vos contemplan!"; "Alea iacta est"; "O meu reino por un cabalo!"; "Éche o que hai!"- que foi arrebolar no medio e medio da "morne plaine". Temos noticia, ademais, de que a nosa ilustre cidadá levaba no bolso un billete, apenas de ida e a nome do moi réprobo dirixente catalanufo, con destino á illa de Santa Helena, no Atlántico sur. "Mama mia, here I go again": de certo, esta Dna. Inés "me puede!"

Si que vén contar con idade dabondo D. Miguel Bosé para que lle acorden as estrofas e mais as músicas de Benny, "Frida", Björn e Agnetha. Así e todo, tal semella que o noso sempre amante bandido preferise agora ir enredarse nos compases do "Venezuela Aid Live" e acudir, xa que logo, onde a cerimonia de exorcismos e exconxuros varios levada a termo en terras de San José de Cúcuta co obxectivo de arredar de nós o gran demo bolivariano e mais a súa interminable corte de íncubos, kimaris, podemitas e orobas mil. Maldiciu bíblicamente, xa que logo e con moito "bambú", D. Miguel ao (aínda) presidente Maduro desde terras colombianas. Iso si, contan tamén que, desde o outro lado da fronteira, alguén lle foi retrucar: "Claro, papito! Pero... muy despasito, muy despasito".

Inxenuo que son arreo, este, seu, modesto cronista -"I believe in angels", e así me vai- estaba convencido de que, en realidade, estabamos convocados, para o próximo 28 de abril do ano en curso, a participar nas eleccións xerais españolas. É dicir; coidaba que se ía tratar duns comicios que tiñan por ámbito a este país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos. Unha convocatoria, en consecuencia, na que os uns e mais os outros haberían de debater arredor das cousas varias de España -"España, lo único importante", que aseveraba D. Manuel Fraga Iribarne, a quen as órbitas de Plutón e Caronte protexan in saecula saeculorum- e asemade daqueles que a vimos habitar. Reitero sempre con Abba: "I believe in angels/Something good in everything I see", coitado de min!

E é que, a xulgar "pola que está caendo", antes de que por Zaragoza, Sevilla, Murcia, Donostia ou este Vigo dos nosos amores, a próxima campaña electoral vai percorrer, mellor, as chairas de Bélxica e/ou as ribeiras do Arauca vibrador con apenas (breve) parada e fonda polo medio no Tribunal Supremo dos Madriles. Haberá que escoller, polo tanto e máis unha vez, entre Madrid e Barça e/ou de paso entre Nicolás e Juan (Guaidó, claro é). En fin, alá eles, os peritos e mais os estrategas, pero non vaia ser -como anota o vello adaxio castelán- que "las cañas se (les) tornen lanzas". En todo caso, consciente de que "the winner takes it all", eu non sei Vdes., pero un servidor -musicais que andamos hoxe- adhire, desde xa, á rotunda proclama: "menos reggaeton e máis Rolling Stones!"