Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Dura lex, sed lex

Como ben reza o principio xeral do dereito, dura lex, sed lex ("a lei é dura, pero é lei"), que ten a súa orixe no dereito romano. Dito doutro xeito, como todos sabemos, a xustiza é xorda, cega e muda, ás veces máis e ás veces menos, segundo o delito e o imputado, agora investigado, do que se trate, pero é a encargada de aplicar e administrar a lei. Esta expresión, ou principio, en definitiva, o que ven a dicirnos é que, ollo, colega, a lei haina que respectar en tódolos casos, incluso aínda que nós resultemos prexudicados coa súa aplicación, porque o cumprimento da lei beneficia ao conxunta da sociedade.

Pensemos por un momento, en virtude da nosa gloriosa Lei de Protección de Datos, qué pena terían imposta os tribunais de xustiza a fotógrafos coma Ruth Matilde Anderson, Robert Capa, Robert Doisneau, Sebastiao Salgado, Henri Cartier Bresson, Annie Leibovitz, e tantos outros xenios da imaxe, auténticos creadores e artistas que, afortunadamente, non tiveron impedimentos legais para recoller coas súas cámaras tantas e tantas instantáneas únicas da vida nas rúas, das xentes, nenos e grandes, do noso mundo dentro e fóra das súas casas. Imaxinen por un instante, se poden, a calquera deles, ou dos inmensos cineastas, pioneiros na historia do cinema, como os irmáns Lumiére, Charles Pathé ou Meliés pedindo o consentimento informado, para poder publicar aquelas imaxes dos traballadores saíndo da fábrica, ou calquera outras das rúas de calquera das nosas vilas.

Estamos vivindo tempos nos que recoñezo con sinceridade que podo comprobar cada dia con estupor, desconcerto e francamente molesto como o Gran Irmán, o ollo controlador, o Estado omnipresente, polo noso ben, vixía, controla e dirixe absolutamente todo, dende a súa posición predominante ao poder manexar os poderes executivos, lexislativo e o brazo xudicial, en aplicación destas leis que na maior parte dos casos descoñecemos. Pero, ollo, porque xa saben que o descoñecemento da lei non resulta eximente para o seu cumprimento; así, día a día, vemos como as liberdades que sempre pensamos eran intocables sofren novos recortes, sempre no nome do ben común e do estado do benestar. Deste xeito, leis como a mordaza, esta mesma de protección de datos da que estamos a falar e outras varias en vigor, menoscaban e limitan os dereitos fundamentais de expresión, reunión ou manifestación, que pensabamos eran sagrados.

Anden a modo e cos ollos ben abertos, porque algo tan tonto como as miles, millóns de fotos que cada quen toma con cámaras ou móbiles hoxendía nas rúas, nos parques, nos eventos deportivos, nas macrofestas, etc., pensando que é algo inofensivo e normal, pode resultar todo un problema cando recibes unha citación xudicial ou a visita da policía, por publicalas na rede, inocentemente. Xa saben, a Lei de Protección de Datos.

Compartir el artículo

stats