Pasada a alborada do día de Rosalía e o seu caldo de gloria, entramos de cheo no tempo de Entroido, no das máscaras e dos cocidos. Un tempo lardeiro de transgresión e de burla, días para o escarnio verbal e os excesos no comer, horas para o rexoube na representación do mundo cuxas raíces afondan na memoria máis antiga que anuncia a chegada da primavera. O carnaval en Galicia, en palabras de Carlos G. Reigosa, é "unha memorable ocasión para vernos as caras e para escoitarnos, como persoas e como pobo, xa que as máscaras din máis do que ocultan".

Entroido, palabra normativa, ou Antroido, como dicimos en Vigo, ou Entroiro, Antroiro, Entruido, Entrudio ou Introido, que son outras variantes galegas para referirse ao Carnaval, á festa popular da liberdade e da creatividade que se celebra ao remate do inverno entre os meses de febreiro ou marzo, cada ano nos días inmediatamente anteriores ao inicio da coresma e da pascua cristiás, cuxa data depende de cando cae o primeiro xoves de lúa chea (xoves santo).

Tempo de Entroido que no Viguiño noso vai dende o venres no que se entroniza Meco e os Merdeiros percorren o Casco Vello até o mércores de cinza no que se queima o Meco e se enterra a sardiña na Porta do Sol. No entanto, nalgúns lugares do sur da provincia de Ourense, o Entroido empeza rematado o Nadal, como en Laza onde o primeiro folión comeza co aninovo ou en Maceda onde os felos saen o primeiro sábado de xaneiro ou en Verín onde os cigarróns percorren as rúas o 17 de xaneiro para celebrar o Santo Antón. Por non falar xa das cinco semanas do calendario de Xinzo e Limia, un dos carnavais máis longos do mundo, que este ano se estende dende o Sábado do Petardazo e Domingo Faraleiro (8 e 9 de febreiro), pasando polos domingos Oleiro (17) e Corredoiro (24) ao Sábado e Domingo de Piñata (9 e 10 de marzo).

Un tempo de Entroido onde as máscaras ancestrais son as protagonistas, cuxa orixinalidade e diversidade sae aos camiños como expresión da auténtica esencia da nosa tribo. Máscaras, con nomes alusivos ao que levan nas súas carautas, traxes ou no seu báculo, caxato ou látego, que conforman unha xeografía visual impactante, recollida agora nunha monografía fotográfica abraiante, "Antroidos e máscaras da Galicia Rural" (Sermos Galiza 2019), froito de tres décadas de investigación do fotógrafo Alfonso García "Santos", e nun extraordinario álbum, "Tempo de Entroido" (Xerais 2019), onde o editor Ramón D. Veiga e o ilustrador David Sierra reinventan e actualizan, apoiados nunha canción de Isabel Fernández Reviriego, para as crianzas galegas do século XXI este catálogo do noso imaxinario.

Desfilan por estes libros imprescindibles, auténticas arcas de marabilla da edición galega impresa, os Cigarróns de Verín, os Boteiros de Viana do Bolo (tamén de Vilariño de Conso, e de Trives), os Peliqueiros de Laza (tamén de Campobecerros), os Volantes de Chantada, as Mázcaras de Manzaneda, Os Troteiros de Bande, os Pantallas de Xinzo, os Felos de Maceda (tamén de Esgos e Garabás), o Oso de Salcedo, os Vergalleiros de Sarreaus (tamén as Vergalleiras das Teixeugueiras), as Señoritas e os Labardeiros de Mugares (Toén), os Xenerais e Correos do Ulla, As Madamas e os Galáns de Cobres... Sen esquecer nin a figura do Ravachol de Pontevedra nin a dos Merdeiros (tamén chamados Escabicheiros) de Vigo nin a dos Choqueiros da Coruña. Máscaras de onte, que por ventura se conservan e actualizan nunha tradición que ao longo de todo ano se pode visitar no Museo do Entroido de Xinzo ou nas novas achegas do Museo do Pobo Galego.

Tempo de Entroido no que nas mesas da convivencia de casas, furanchos e restaurantes os cocidos e as froitas de tixola son os grandes protagonistas, nun país onde tamén neste eido hai moito onde escoller. Nas máis está presidido pola cachucha, por colares de toda caste de chourizos, mergullados en cama de patacas e grelos, mais nalgunhas outras polo lacón e polas restras de androllas ou botelo, produtos acompañados polos viños novos que xa comezaron a coller corpo. E na sobremesa non falta todo o que se pode preparar con fariña e ovo: orellas de entroido (tamén bautizadas "de frade"), filloas (marruchos no Val Miñor e freixós e moitos outros lugares), follas de limón, chulas, bandullo, tripón doce, bica e moitas outras tortas.

Tempo de Entroido onde sempre estivo permitida a crítica, razón pola que non podemos rematar o noso alegato entroideiro sen lamentar que o Concello de Vigo, outro ano máis, non estea á altura que merece a nosa tradición de cidade escabicheira, escollendo como pregoeira da entronización do Meco á cantante Chenoa, que nada ou moi pouco sabe de quen somos, de onde vimos e cara onde imos. Tanto ten xa que non fai falta ser adiviño para saber quen será o gran protagonista da nosa primeira entroidada. Viva o Entroido galego!

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com