Xa indo por cerca da primavera coas mimosas en flor e arrecendentes celebramos o día de Rosalía poeta de Galiza, figura fundacional da nosa literatura nacional de enorme potencial poético e sen simplificala, sempre marabilla para novas (re)lecturas, facendo certo o seu propio pensamento cando dicía "¿por que me deu o ceo esta memoria miña tan teimosa, tan fiel ? ", pois iso alegría da súa presencia viva entre nós e connosco e así a pola súa absoluta visibilidade, xa que será como debemos compartir quen somos e polo tanto desenvolvelo a través de Rosalía.

Ela, da que dixo o escritor Ernesto Sábato que foi inxustamente menosprezada polos cretinos, aberta sempre a novas voces e sensibilidades, supera todos os tópicos que lle anotaron e sitúase como un referente primordial de Galiza. Xa que logo é acreedora dunha páxina brillante a valor de seu da nosa historia con maiúsculas.Dicir, que de sermos e sentirnos atentos, veremos como a súa traxectoria vital ( vida,obra e pensamento) se fan referencia da absoluta superación da que tanto precisamos como Pobo do Galego. A súa exemplariedade como muller galega xa se define en símbolo colectivo. Iso concreta a forza do seu mellor argumento. Nas súas obras (re)vívese a esencia da nosa identidade, polo que a debemos ter no amor e sempre na existencia, abrazándoa de contino en cada presente, sabéndoa. Rosalía ao igual que outras e que outros nosos, tal intelixencia liberadora, tamén nos coloca no mundo e non negaremos que é moi bonito saber onde estamos.

Nós na Estrada este vintecatro gardaremos lugar e tempo preferente para celebrar a Rosalía. Iso será celebrarnos a nós mesmos. Ela oriéntanos no ando das nosas conquistas, nas perdas e preguntas, na cultura e no idioma, na poesía, no debate e na resistencia. Non lle deamos a razón a aqueles que adoran á xente que non ten nada que dicir.Non lle deamos a razón.

*Escritor e mestre xubilado da Estrada