Leo nos xornais que vai haber en Vigo certame de Habaneras.

Unha páxina de Pío Baroja é coñecida na vella historia da literatura, e na docencia, de antano, como "Elogio del acordeón". O mestre pinta nela un patache atracado en calquera molle do Cantábrico. Nel, o mariñeiro, á tardiña, arrincalle a un vello acordeón agres, convomentes notas que poñen tenro o corazón de don Pío e o do lector. Non hai canto, no texto barojiano, pero os máis dos lectores seguramente lle porán unha. E esta será a dunha habanera. Sen eu ser musicólogo nin folklorista pensei sempre a habanera coma o canto das tripulacións españolas do tempo dos grandes clippers e veleiros comerciais trasatlánticos e tamén dos pailebotes brancos de cabotaxe que había de inmortalizar Manuel Antonio. Aos nosos días chegou, sen esmorecer, o canto coral, melancónico, evocador de días pasados, das habaneras.

Ouvín cantar habaneras nos portos vascos, nos andaluces, nos valenciáns e mallorquíns. Naturalmente en Ferrol, en Vigo e en todos os nosos portos grandes e pequenos. Moitos acreditan en que a habanera, como o seu nome indica, veu da Habana. Outros, que foi dos portos españois a aquela capital antillá. Non é difícil imaxinar unha común orixe para esta melodía sentimental e única. Sobre todo se pensamos que a Habana foi atá 1898 unha cidade española. A Coral Casablanca, de Vigo, gañou moitos concursos de habaneras; varias veces o de Torrevella, País Valenciá. Pero se sintonizan no televexo Cubavisión, tan pródiga en espectáculos e músicas propias de Grande Antilla, poucas veces poderán ter a sorte de ouvir o canto das habaneras emitido na propia Habana. Alá parece a habanera coma un xénero esquencido ou a piques de perderse, coma as tripulacións que naufragan en algunhas das letras doces e patéticas das habaneras. Cando oio decer "habanera" sempre me acorda un Le Chant de l'Équipage, o canto da tripulación, de Pierre Mac Orlan. A lingua das habaneras clásicas é o castelán. Un movemento moi potente, levou grupos e persoas a compór na actualidade habaneras con letras galegas, vascas e catalás. E, entre nós, adaptanse ao galego as vellas habaneras en castelán. E quedan ben, porque as habaneras do tempo pasado foron ben gorxeadas por mariñeis galegos vascos e cataláns de varios Paises. Alexandre Allegué é autor de magníficos textos poéticos que serven de letra a novas habaneras que perpetúan o xénero para ben da cultura galega.