Hai agora máis de trescentos anos, os embaixadores cataláns en terras de Austria, Inglaterra e mais os Países Baixos neerlandeses tentaron levar adiante unha acción diplomática na procura de auxilio respecto da conservación das Constitucións de Cataluña -promulgadas polas Cortes catalás entre os séculos XII-XVIII-, e que se vían ameazadas como consecuencia do triunfo das armas de Filipe V na Guerra de Sucesión Española (1701-1714) -mellor sería denominala, acaso, como "A Primeira Guerra Civil Española"; hai que facer constar que, en 1701, o mesmo Filipe (nacido, francés, como Philippe de Bourbon, duque de Anjou) xurara os foros de Aragón e mais as, devanditas, Constitucións-, e que veu enfrontar os partidarios do primeiro dos Borbóns aspirante ao trono das Españas, apoiado esencialmente polos territorios da Coroa de Castela e da de Navarra, contra esoutros -os estados da Coroa de Aragón- que defendían a causa do arquiduque Carlos de Austria.

Malia que, polo Pacto de Xénova (1705), os ingleses se comprometeran a garantir os dereitos e liberdades catalás, o caso é que logo do Tratado de Utrecht (1713) -si: ese mesmo no que se quedaron con Xibraltar deica a hora presente- e malia posteriores iniciativas, nada lle hubo que facer. Como, sen dúbida han de coñecer ben moitos de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- mediante a promulgación dos "Decretos de Nueva Planta" quedaron abolidas todas as institucións e leis propias dos reinos de Aragón, Valencia, Mallorca e, desde logo, do principado catalán.

Está ben lonxe das pretensións deste cronista tentar atinxir que os nosos actuais dirixentes se preocupen pola historia. Ou, mellor dito, por todo aquilo que a historia nos ensina (alén diso, cabe aínda que algún deles acudise de contado á Universidade Rei Juan Carlos I para que lle axeitasen "pola cara" o correspondente máster!). Non obstante, sirvan os datos que vimos de referir para lembrarlle a "tutti quanti" que, a pesar de todos os pesares, malia os sistemas autoritarios que por aquí pasaron ao longo dos tempos, acontece que ás Españas non as uniforma nin iguala ninguén. Non milito, poden Vdes. estar certos, entre os que acreditan nalgunha sorte de determinismo. Así e todo, ao longo dos anos, décadas e centurias, abrolla -e rexorde decote- entre nós un devezo por reavivar o lume, prender o remol das travesías.Ao mellor, tan só pasa que dita persistencia non vén ser outra cousa que esa mesma chama que acende na cerna da liberdade: na liberdade dos homes e na liberdade dos pobos.

Mais se o anterior devén como devén, non é menos perceptible, e asemade a través dos séculos, esoutra presenza dum impulso común, dun entretecido de circunstancias, devezos, decepcións e alegrías, desventuras e fortunas, horizontes de esperanza que foi envolver -e continúa a facelo- non só aos cidadáns do Estado español senón aínda a todo o conxunto dos moradores da Península Ibérica. De novo, a memoria histórica non nos deixa mentir.

Xa que logo, o que devén reaccionario -ou "facha", dito/escrito en bravú- é buscar impoñer unha unificación estéril, proclamar o valor dunhas falas sobre as outras, declarar como apenas válido o pensamento dunha españolidade funesta, perdularia e resesa. Polo contrario, foi afán, labor e quefacer arreo do pensamento progresista peninsular (en realidade, de todo demócrata auténtico) sermos capaces de atopar -para alén das miserias ditatoriais que tanta dor causaron e, así mesmo, máis aló do egoísmo narcisista disgregador- o necesario equilibrio, a conciliación entre un impulso común e mais a evidencia certa da nosa pluralidade. De aí que a conclusión nunha fórmula de carácter federal -e, a ser posible, baixo unha bandeira tricolor- constituíu a limpa perspectiva pola que loitaron os nosos devanceiros. Tal obxectivo non só é posible senón que, máis que nunca, ha de conformar o deber do Estado democrático.

"Qué es lo que ganamos, sino montes desiertos, pueblos abrasados y plazas echadas por teirra? ¿Esto se puede llamar gañanar Cataluña? (...) Salga Su Majestad: llegue a Aragón, pise Cataluña, muéstrese a sus vasallos, satisfágalos, mírelos y consuélelos; que más acaban y más felizmente triunfan los ojos del príncipe que los más poderosos ejércitos."En tales termos se dirixía, por volta de 1640 e no medio dunha moi difícil conxuntura, don Íñigo Vélez de Guevara, conde de Oñate, ao rei Filipe IV. Non sei Vdes; mais este, seu, humilde cronista coida que, acaso, non estaría nada mal que alguén lle fose deitar na orella -e na alma- semellantes palabras a outro Felipe dos nosos días.