15 de febrero de 2019
15.02.2019
Os camiños da vida

Gonzalo Araúxo

15.02.2019 | 02:10
Gonzalo Araúxo

Na dorna enorme de tope entrou na ría de Vigo o seu patrón Quique Ortiz, levaba abordo, en calidade de mariñeiros, a Vázquez Diéguez e Gonzalo Araújo, para nós Araúxo. Encallaron nas pedras de Toralla porque non souberon interpretar o farol da Marosa. Pero atracaron, ou fondearon, no hoxe chamado Canido. Tres tripulantes artistas, e Gonzalo era o único vigués. Eran daqueles, máis novos ca min, que inda alcanzaron a ver e catalogar os grandes trasatlánticos no noso porto: o Montserrat, o Salta, o Santa María, o Américo Vespucci, o Alcántara, o Aragón?

Cando se achaba en plenitude das súas potencias xeniais, Gonzalo proxectou Alumaluf. Tratábase dunha liña de globos de helio xigantescos que crearía arcos máxicos e colosais entre Baiona e a Illa do Sul ou ben sobre o Freu da Porta que fende as Cíes. Gonzalo apurou até o fin as posibilidades da plástica e a ideación estética; teórica e práctica. Construiu edificios e deseñou libros. Pintou cadros. O seu concepto da arte e da producción humana, artesanal e industrial, non coñeceu límites e non podía senón facernos ollar con vista nova o pensamento revolucionario de Rodxenko, de Malevich, de Popova?

Eu sentinme tan próximo da ambición plática totalizadora de Gonzalo Araúxo, que non lembro unha discrepancia teórica con el. Sorprendeu a morte a Gonzalo cando se achaba nun intre vital lúcido maior.

Todos os seus saberes e experiencias estaban a pruducir un tempo de plenitude na súa obra. Os setenta e pouco anos estaban a ser os máis fecundos e criadores da súa vida artística. E Gonzalo soñaba sempre en pasar por baixo do Arco da Vella. Non se conformaba e desexaba, cun vigor íntimo de titanio, rechar todas as fronteiras da técnica e do soño. Nunca esquencerei o Iskra, un signo do espírito de Gonzalo Araúxo. El, co recordado Leónides de Carlos, idearon un barco de ferrocemento. Fíxolle Gonzalo unha alma de ferriños ao barco que se revelou como unha das grandes esculturas que eu teño admirado na miña vida. A maravilla pasou á realidade ao encherse o prodixio e cobrise de cemento. Logo o barco foi botado, e Leónides estábase encargando da parte mecánica: fundamentalmente do motor e a transmisión aos propeis. Naturalmente, Leónides de Carlos era filósofo e un espírito aberto, e productor de faiscas utópicas e brillantes coma o de Gonzalo. O Iskra, nunha galerna, crebou en Arealonga de Redondela e foise a pique. Gonzalo Araúxo acaba de morrer nun horroroso accidente, e aquí ficamos (Emma e os rapaces os primeiros) sen encontrarmos sentido a un mundo sen Gonzalo Araúxo e o seu xénio a un tempo volcánico e racional.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook