Trump xa está rehabilitado, Núñez Feixóo, no tempo dun sospiro, fixo seu o discurso de Camilo Nogueira e o xove Villares e reclama competencias para Galicia, tantas como España lle foi cedendo a Euskadi e Cataluña. Agora Trump xa é bon e Feixóo, nun alustre, parece cómplice do nacionalismo moderado. "E toda cousa ha de pagar seu desmo", que rezaba Díaz Castro.

Trump, en Venezuela, non conta cun exército servil e cruel coma o de Pinochet: vaille custar caro afuciñar o chavismo a poder de guarimbas e revoltas laranxa. Por contra, Feixóo tén aberto diante un camiño real e franco. Feixóo quer para Galicia competencias coma as que desfrutan Euskadi e Cataluña? Comece por aprender a letra do Estatuto de Galicia. Dise neste folleto que somos unha Nacionalidade Histórica. Escriba Feixóo a verba "nacionalidade" en estradas, edificios, aeroportos; con solemnidade. Poña a andar unha lei de normalización salvadora do idioma noso, como fixeron en Euskadi e en Israel para libraren os seus idiomas da extinción. Sería moi fácil facer tal, e non tería oposición no Parlamentiño.

En canto á Zona Franca de Vigo e aos portos estatais, mesmo a oposición vería ben que pasasen ao dominio público galego, coa fabulosa e inxente masa dineraria que estas institucións lle furtan a Galicia e coa que engordan o Estado Español. Non hai que proclamar a República Galega de Manuel Antonio para ir facendo estas cousiñas. Sobre todo, sobre todo, pode Núñez Feixóo dar un paso avante e fundar a policía ou garda nacional galega coa que nin o PSOE nin o BNG se atreveron nin sequera a soñar cando estiveron nos barrotes altos do poleiro autonómico.

Coa lei na man, a autonomía galega pode levantar un corpo propio de policía. É obvio que, se non se fai, é porque os gobernantes non acreditan que Galicia sexa unha nación, ou unha nacionalidade como diciamos denantes. Vascos e cataláns teñen as súas xendarmerías e elas son factor decisivo no crecemento das súas pulsións de autogoberno.

Anímese o presidente Núñez Feixóo: mande a incautación, sempre dentro da lei, dos pazos de Meirás e de Cornide e o pobo baterá palmas no seu honor. E expropie a Autopista do Atlántico, tirándonos de enriba nosa ese parásito monstruoso que nos zuga e nos humilla cada día. E atrévase con Abanca, converténdo o que foran caixas de aforro populares e filantrópicas, creadas polos galegos, en institución financeira pública de Galicia e tutelada pola Xunta e polo seu (agora sen diminutivo) Parlamento. Abanca, institución financeira venezolana, formouse mercé, entre outras cousas, aos bos oficios de Núñez Feixóo. O cal trae de novo Venezuela e Trump a esta columniña. Todo está conectado neste no mundo raro e cambiante en que vivimos.