Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

mentres as vacas pacen

Antes da cinsa

Ao achegarse o ruído enxordecedor á aldea, este actuou co seu efecto de resorte e guindoume fóra do sono e da sesta de mediodía. Erguinme e apeguei o nariz á ventá para varrer o ceo coa mirada e localizar o aparello voando. Ao non velo nos límites que a fiestra marcaba abrín ansiosa o cristal e inspirei fondo, como indicaba o protocolo a seguir. O fedor do medo entrou nos meus pulmóns para afogalos e baixei os chanzos correndo para ceibar a frase rutineira que escurecía cada verán enchéndoo de cinsa.

-Papá, cheira a fume.

Porta fóra da vivenda, co abafo do calor ás costas, ollabamos cara onde bulían a carrexar auga os helicópteros e cara onde pasaban escentellados os camións de bombeiros coa luz intermitente do nerviosismo pedindo paso. Os veciños, xa reunidos nos camiños ou á sombra dun carballo fóra de perigo, mirabamos uns cara os outros desconfiando da autoría e logo observabamos a columna de fume que nacía das chamas. Alí, mantendo vivo o lume para eles mesmos perecer, pinos e eucaliptos, monte baixo de carpazas de flor branca e rosada, carballos, castiñeiros, lebres e coellos, xabaríns e teixos, ourizos cachos, corzos...

A min as bágoas sempre me invadían os ollos polo pánico, xa dende nena, ao ver arder arredor nosa. Era por iso que no verán, cando o sol aledaba as xornadas e quentaba o aire, eu miraba o monte. Matinaba que calquera día podía ser o día no que todo desaparecera para quedaren os esqueletos fúnebres, negros coma o chamizo, espetados nun chan escuro e regado pola irresponsabilidade e o abandono. Agora tamén miro ao monte, aos soutos e as carballeiras no inverno, porque nin sequera iso impide que arda. Nin o frío das xeadas, nin a choiva, nin o verde co que nos obsequia a paisaxe frean os mistos, nin os acendedores, nin a falla de conciencia, nin a sobra de ambición "eucalíptica". É nesa ollada na que sinto mágoa do que da terra nace e pena por nós, que mesmo debéndolle o aire que respiramos teimamos en asfixiala.

Cando o remate chegaba, dabamos por concluída a obra teatral dramática cun simple "xa o apagaron" que podía demorar en chegar horas ou mesmo días. Logo agardabamos novamente, iso sí, cos brazos cruzados, sen armas para combater iso que nos queima.

Compartir el artículo

stats