Certamente, ignoro cantos de entre os, sempre moi amables, lectores destas crónicas visionaron a excelente serie televisiva "Gomorra", baseada na ben coñecida e exitosa novela de Roberto Saviano. Asemade, descoñezo se foron preferir a versión dobrada ao castelán ou, polo contrario, se decidiron a seguila no texto orixinal. Iso si: se veu ser a segunda, a opción escollida, saberán que esta resulta estar falada na súa maior parte en idioma napolitano (a lingua da Campania e varias rexións veciñas do centro e sur de Italia, empregada por arredor de once millóns de persoas), con subtítulos en italiano. Non teño noticias de que ninguén en Roma, Milán, Turín, Florencia... adiante se fose alporizar por semellante feito.

En todo caso, trátase -a dos fans transalpinos da serie- dunha actitude que contrasta dabondo con esoutra polémica desatada desde ambas berias do Atlántico, e por parte dun conxunto de intelectuais, creadores de opinión..., e mesmo do propio director do film ("Roma, de Alfonso Cuarón), diante do acordo de Netflix -desestimado agora pola propia plataforma audiovisual- consistente en presentar a película, onde nós, con subtítulos en castelán de España.

Malia non ser a primeira vez que unha película rodada en español -cómpre precisar que Cleo e Adela, as dúas empregadas de servizo co-protagonistas, orixinarias de Oaxaca, se expresan tanto en español de México como en lingua mixteca- se presenta con subtítulos nos diferentes países hispanofalantes, e tal vén ser o caso da tamén mexicana "Amores perros", da colombiana "La vendedora de rosas" ou da arxentina "Nueve reinas", o certo é que non temos memoria de que algunha vez se fose dar unha controversia mediática de semellante calibre. Sen dúbida -e diante do que acontece no caso de "Gomorra"-, haberá quen retruque que o italiano e o napolitano veñen ser, en efecto, dous idiomas diferentes e, xa que logo, tan distantes entre eles como o portugués e mais o catalán, poñamos por caso. Polo contrario, o castelán/español no que se expresan os personaxes de "Roma" e mais o castelán/español de España veñen conformar, si ou tamén, unha única lingua común. Punto e final.

Agora ben; deveñen de veras intelixibles os diálogos de "Roma" neste lado do océano e/ou noutros territorios da comunidade hispanofalante? Desde logo, non parece que haxa moitos problemas para comprender que "enojarse" vén significar o mesmo que "enfadarse" ou que "vengan ustedes" non vai para alén de "venid vosotros." Agora ben; está claro, para un español de Zaragoza, Sevilla..., que "lo van a correr" quere dicir "lo van a echar"? Ou aínda que "tengo que ir a checar" veña ser o mesmo que "tengo que mirar"? Nunha arroutada prohispanista megaguay, afirmaba Juan Cruz, desde as páxinas dun importante diario da capital das Españas, que fixera moi ben, hai anos, o poeta José Emilio Pacheco en dirixirse unha vez ao conserxe do Hotel Suecia (Madrid) nestes termos: "Mándeme el plomero que se descompuso la tina y no me funciona la regadera". Sen ánimo de incordiar: ou ben o autor de "El silencio de la luna" andaba un tanto despitado esa mañá, e logo dunha noite simpática, no tocante á orientación xeográfíca, e/ou aconteceu que se erguera da cama un tanto "chingón."

En fin, haberá que comprobar, daquela, até que punto resultan entendibles, ou non, os diálogos de "Roma" para o común dos mortais de España e América (e non só para ilustres académicos e xornalistas de postín/postineo). De calquera xeito, cabe pensar que talvez tería máis lóxica que os subtítulos transmitisen aquilo que están a dicir os actores antes que tentar "traducilo" a un imposible "español neutro". Trátase dun procedemento que, doutra parte, ben se podería aplicar para outras fitas; especialmente para aquelas faladas en italiano, portugués, catalán, francés... Ao cabo, tan difícil resulta acadar que os nosos cines alternen as funcións dobradas con esoutras en V.O. e con subtítulos? Non viría ser unha boa axuda para remediar a nosa tradicional incompetencia en idiomas alleos?

Canto á discusión... Non sei Vdes., pero este cronista ten a sospeita de que, en realidade, moitos daqueles que se senten "alporizados" e "insultados" pola inclusión dos subtítulos, ou ben pretendan queimar de vez a Hernán Cortés e todo resto da arrogancia "gachupina" -velaí o propio Cuarón en plena epifanía de "México, potencia"- ou buscan antepoñer a sacrosanta, (suposta) unidade universal do español como unha sorte de Santo Grial intocado e intocable. En todo caso, unha controversia allea por completo a aquilo que precisamos máis arriba: deveñen de veras intelixibles os diálogos de "Roma" desta marxe do Atlántico?

Porque iso do español "uno y trino" faime lembrar aqueloutro que dicían do misterio da Santísima Trindade: algo tan e tan complexo que ningunha intelixencia humana pode ser quen de acceder a el. Será, entón, por iso mesmo: porque son definitivamente humano que xa hai moitos anos que me desentendín por completo de semellante liorta.