O cristianismo é un complexo universo formado por inmensidade de dogmas que se exclúen os uns aos outros e teñen unha orixe común. Todas estas igrexas reférense a Cristo e á súa predicación nunca atestada e si transmitida á posterioridade, en lingua aramea e grega, por persoas non acreditadas ou evanxelistas. Todo ese cristianismo orixinal é asiático. O cristianismo estaba dentro da sinagoga e era unha fracción xudía, como xudeo era Xesús e toda a súa estirpe.

Paulos de Tarso sacou o cristianismo da sinagoga, penso que con desgusto de San Pedro, primeiro Papa, e deulle entrada na súa igrexa aos xentís: aos devanceiros de nosoutros os que non somos xudeus. Un día, Roma adoptou coma relixión do Imperio esta cristiá que era oriental. Os actuais cristiáns acreditan nun libro, a Biblia, que relata a historia da creación e a do pobo de Israel, e prescribe as súas leis fundamentais, inclusive en materia de alimentación. Esta Biblia declara a existencia dun Deus étnico que escolleu como pobo superior o de Israel. Todo na Biblia ocorre en Asia. Polo tanto, todos os cristiáns do mundo que aceptan como libro sagrado a Biblia están aceptando a superioridade dun pobo non europeo, sequer sexa no pasado mítico.

Houbo unha "alianza" entre Deus e o pobo de Israel, e logo unha "nova alianza" entre Deus e todos os humanos. Esta nova alianza é o cristianismo. Pero nunca o cristianismo renunciou á supremacía do pobo de Israel. Mesmo, o cristianismo inventoulle aos líderes xudeus o Limbo dos Xustos, ou Seo de Abraham, para viviren as ánimas dos xudeos que fundamentaron a grande mentira bíblica da cal os nosos antepasados europeos están excluídos.

Por iso, decer que o cristianismo constitúe a raíz de Europa é estúpido. O cristianismo non é europeo senón asiático e oriental. En realidade, as verdadeiras raíces de Europa son aquelas que lle dan a este extremo de Eurasia identidade. Son outras cousas que realmente naceron eiquí e desde eiquí lle deron sentido ao resto do mundo contemporáneo. Refírome á filosofía, ao dereito , ao materialismo, ao racionalismo e ao empirismo, á ciencia, á democracia e á Revolución Francesa, ao socialismo e ao capitalismo. Por tanto, ao comunismo que se concretou na URRSS. Ás artes e ás letras liberadas da relixión. Se Europa existise, non tendo nada que ver co lixo Jüncker e a UE, sería todo (e máis) o antes citado. Ou sexa: Cristo foi un ser humano torturado e asasinado que botara os capitalistas do templo dos xudeos a vergallazos. Pero iso ocorreu fóra de Europa e anteriormente a Lenin.