Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Tecnoloxía, robótica e paro

Hai un tempo non sei onde lin que nuns anos estará no mercado global un robot capaz de pensar por si mesmo e autocorrixirse e darse novas instrucións. Tela mariñeira! Estamos a cada paso máis preto daquel "mundo feliz", da novela futurista de ciencia ficción que escribiu Aldus Huxley, hai xa anos dabondo. O certo é que a capacidade de autodestrución do ser humano é infinita, como os buratos negros do espacio sideral e o firmamento máis afastado do noso fermoso planeta azul, a nosa casa, o teu lar, o mesmo que entre todos estamos empeñados en rematar con el.

Hai tempo cando empezaron a proliferar coma fungos e cogomelos no outono, as famosas gasolineiras chamadas eufemisticamente de "autoservizo", cando o único que pretendían eran a eliminación de persoal e que foras ti o pagán que, ademais, se servía e facía o traballo, eu, por principio negueime a botar gasolina nelas, pensando estupidamente que deste xeito era máis solidario co traballador e a necesidade que temos todos nós de comer e cubrir as nosas vergoñas e ter onde acubillarnos, convencido de que a máis maquina, a máis tecnoloxía e máis sofisticada, menos traballo, menos man de obra e máis paro e fame nas persoas. Agora, xa tempo despois, o difícil é atopar unha gasolineira onde aínda teñan unha persoa de servizo coa que falar unha palabriña.

E non digo das autoestradas e a aberración do "pago fácil"; os supermercados, coas caixas intelixentes, onde ti mesmo pasas as mercadorías por un lector de barras; caixeiros nos bancos, no que todo vai camiño de ser a distancia, por banca electrónica; e tantos e tantos empregos que foron estragados e botados no cubo do lixo, por mor do desenfreo da produtividade, o aforro de costes, e as maiores curvas ascendentes de beneficios das empresas e grandes corporacións, ao fin e ao cabo as que dominan e mandan no mundo mundial.

Xa non vou entrar no debate inútil e perdido, a tecnoloxía e a robótica causan desemprego e, polo seu baixo custe, crea destrución de postos de traballo, antes ocupados por persoas; o que vos argumento, xa á desesperada, é que estamos esquecéndonos de que hai manipulacións e estamos realizando autoservizos e usando por nós mesmos elementos perigosos, sen preparación e asumindo responsabilidades para as que non estamos capacitados.

Que pasaría se calquera de nós, por erro ou mala fe, nunha gasolineira destas, colle a mangueira e empeza a tirar gasolina polo chan e cando lle pete, prende un misto? Que pasaría se nunha autoestrada, convencidos de que o noso aparato de cobro a distancia vai funcionar, non se levanta a barreira por un erro, e provocamos un choque en cadea, ao frear?

Claro que estes pequenos detalles aos nosos políticos, o mesmo que nós todos, importámoslles unha merda, eles van ao seguro. Naturalmente.

Compartir el artículo

stats