Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

A memoria da Provincia: 75 anos do Arquivo Histórico Provincial

No centro de Ourense late a vida na Praza Maior, o corazón da cidade; o lugar onde todos os pasos conflúen e de onde saen todos os camiños. Xunto á que é a "más delicada y esencial víscera" -segundo dicía Florentino L. Cuevillas naquela obra memorable chamada Cosas de Orense - a cidade ten outro dos seus órganos vitais, o seu cerebro. Un cerebro conformado por unha parte que a goberna, o Concello, e por outra na que se garda á súa memoria colectiva, a que nos dota de pasado e identidade, o Arquivo Histórico Provincial.

Neste arquivo existe unha grandísima riqueza de documentos, cada un deles é un anaco da nosa memoria como pobo. Son testemuñas da vida dos nosos devanceiros, que lograron esquivar as guerras, os desastres, a voracidade dos roedores ou da couza.

O recordo máis lonxano é un documento que data do ano 974 e pertenceu con bastante probabilidade ao mosteiro santiagués de San Paio de Antealtares, para pasar despois ao de Celanova, aínda que a orixe deste testemuño está envolta nas néboas do Medievo. O documento está fixado na vella membrana dun pergamiño, con tinta probablemente feita con bugallos de Carballo e carbón, e cunha escrita trazada con paciencia pola pluma da á dun ave.

A voz dese testemuño é directa, pragmática e breve, pois debe aproveitar a limitada superficie do soporte da escritura, e non andarse con rodeos. Non é unha lembranza épica, senón bastante modesta. Tan só fala do troco que fixeron o conde Roi Velázquez e os seus irmáns co abade Pedro de Antealtares dunha herdade na vila de Sandulces, en terra de Castela (hoxe parte das comarcas do Ribeiro e O Carballiño), por outra en terra de Baronceli (alto val do río Támega). Podería pensarse que é un recordo sen glamour, pero posúe importancia pola súa antiguidade, e por ser mostra do papel que a Igrexa tivo na configuración da sociedade e da paixase ao longo da historia de Galicia.

O arquivo debeu fundarse no ano 1931, por mandato dun decreto conxunto do Ministerio de Graza e Xustiza e o Ministerio de Belas Artes e Instrucción Pública; pero as dificultades para que os poderes locais (Concello e Deputación) proporcionaran medios, fixeron infrutuosos os esforzos do facultativo Juan Fernández "Xesta" e os padroados de arquivos, nos que participaron Marcelo Macías Otero Pedrayo e Vicente Risco.

Dende o ano 1943, no que o Arquivo foi, por fin, fundado con gran esforzo por un comprometido Xesús Ferro Couselo, ata hoxe foron milleiros e milleiros os documentos que ingresaron no arquivo. Os principais son os protocolos notariais que se conservan con gran continuidade a partir do século XVI, e nos que vemos prendida a vida cotiá das persoas a través dos testamentos, os inventários post-mortem, as compravendas ou as dotes, entre outros documentos.

Pero tamén destacan os fondos relacionados coa fiscalidade do Estado, entre os que se atopa o Catastro de Ensenada, chamado coloquialmente así polo ministro que o inspirou, o Marqués da Ensenada, Zenón de Somodevilla. Este foi o primeiro catastro realizado na Coroa de Castela, e proporciona unha foto fixa das terras da provincia de Ourense a mediados do século XVIII. A través del podemos coñecer cal era o patrimonio e a riqueza dos antigos habitantes do noso territorio.

A variedade de fondos documentais do Arquivo Histórico Provincial de Ourense é moi ampla. Hai fondos de concellos dun grandísimo interese, como o da cidade de Ourense, de gran antigüidade e amplitude cronolóxica (1353-1943). Encontramos tamén fondos das antigas institucións de beneficiencia, ou das prisións que existirion na provincia. Pero se nalgo destaca este arquivo é na súa riqueza de fondos privados. Entre as institucións privadas destacan as de carácter relixioso, os mosteiros e conventos que foron desamortizados no século XIX polo Estado Liberal, como os de Celanova, Oseira ou Santo Estevo de Ribas de Sil.

Non obstante, tamén hai fondos e documentos de familias (como a Casa do Castro ou o Marquesado de Leis) e de persoeiros como o pintor Ramón Parada Justel, o escritor Valentín Lamas Carvajal, o Patriarca das Letras Galegas, Ramón Otero Pedrayo, o etnógrafo Xaquín Lorenzo Fernández ou o exiliado galeguista Luis Soto Fernández, entre moitos outros. Entre os documentos que ingresaron no arquivo mais recentemente está a correspondencia política de Carlos Taboada Tundidor, político pertencente á CEDA (Confederación Española de Dereitas Autónomas) durante a Segunda República.

O Arquivo estivo primeiro nas dependencias da Delegación do Ministerio de Facenda, para pasar despois, en 1964, a súa actual sede no antigo Palacio dos Bispos de Ourense, no centro da cidade, xunto á Praza Maior. Poucos anos despois Olga Gallego Domínguez tomou o relevo de Ferro Couselo, logrando acrecentar a proxección do arquivo (nos ambitos galegos, español e internacional), grazas á súa obra histórica sobre Ourense e a doutrina arquivísitica. A ela sucedeulle Elisa Fernández Posusa, que dedicou grandes esforzos á identificación de fondos que foron ingresando de xeito paulatino ata colmatar o arquivo.

Hoxe pechamos o ano 2018 inmersos no uso das redes sociais para a difusión do noso patrimonio documental, e cunha nova sede no horizonte. O novo Arquivo, de titularidade estatal e xestión autonómica, estará no antigo convento de San Francisco, nunhas dependencias axeitadas á importancia dos seus fondos documentais e do seu labor de descrición e difusión. A nova etapa do Arquivo é moi promisoria, e está garantido o seu compromiso coa transmisión da memoria colectiva ás xeracións futuras. Se as novas dependencis chegan en tempo, o cerebro da cidade e da provincia poderá esquivar os problemas de demencia que hoxe lle ameazan por falta de medios.

(*) Director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Compartir el artículo

stats