Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Divulga, que algo queda!

Queridos lectores. Ben saben que a miña profesión non é a de docente. Non orientei a actividade profesional por ese loable camiño. Sen embargo, tiven (teño) ocasión para exercer como tal en diversas etapas da miña carreira profesional, o que considero unha parte importantísima do meu cursus honorum, do meu escalafón formativo como arqueólogo.

Tiven a oportunidade de iniciarme cunha bolsa posdoutoral, alá por 1995 na Universidade de Santiago que, entre outras actividade relacionadas coa investigación, pediume impartir un número determinado de clases. Continuei como docente en cursos de doutoramento e mestrado vencellados ao patrimonio cultural, como profesor asociado da Universidade de Vigo, profesor-titor da UNED e, nos últimos anos, ademais da docencia nun programa de mestrado, impartindo unha asignatura de Arqueoloxía no Programa de Maiores da Universidade de Vigo.

Seguramente esta experiencia espertou a vocación divulgadora. Algo que xa estaba agachado nunha das miñas opcións profesionais, o xornalismo, que non chegou a materializarse porque, como ben saben, optei pola arqueoloxía. Esa foi a opción gañadora, que tamén deixou nun desexo incumprido a apetencia profesional relacionada co mar.

Co paso dos anos Faro de Vigo brindoume a oportunidade de "contarlles cousas", de achegarlles asuntos fundamentalmente relacionados co patrimonio cultural. Porque aínda que partimos da arqueoloxía, raras son as disciplinas científicas ou as ramas de coñecementos que non están fortemente comunicadas con outras. Máis aínda na arqueoloxía, onde o titánico esforzo de reconstruír o pasado, algo fisicamente inexistente, baséase na materialidade, nos obxectos que se conservaron das sociedades desaparecidas.

Porque, xa falamos de isto outras veces, o pasado tamén desapareceu cando a elas. Non é repetible nin recuperable. Tan só podemos reconstruílo nunha narración o máis contrastada posible, un relato rexido pola veracidade que só a Historia, cos seu métodos e técnicas cientificamente contrastadas pode proporcionar cunhas mínimas garantías.

A arqueoloxía é un dos camiños que contribúe a construír ese relato academicamente aceptable. Pero como camiño a percorrer non é unha elección doada. Os vestixios materiais por veces son lacónicos. Sen as preguntas correctas é difícil arrincarlles respostas.

Como na antropoloxía, para sacar unha boa información en ocasións é preciso acudir ao recurso do "cesto das cereixas". Permítanme a metáfora: as cereixas soen vir unidas de dúas en dúas polo pedúnculo, o "rabo". Se nos poñen unha cesta de diante, cun pouco de habilidade, podemos extraer practicamente todo o contido dunha vez e utilizando un só par. Ímolas capturando procurando que se vaian enlazando ata formar unha ristra que, a ser posible, se forme con todo o conxunto, con todo o contido da cesta. As cereixas están aí, facilitando o labor por medio dos pedúnculos. Só temos que aplicar a suficiente destreza.

A dificultade para ler o discurso que agacha o pasado, radica na propia natureza da arqueoloxía. Dun obxecto debemos sonsacar toda a información posible para, e sobre todo, que poda transcender ao obxecto en si co fin de transformarse en datos con máis contido e amplitude, en comportamentos dos usuarios ou dos fabricantes do obxecto en cuestión.

Para iso é esencial a que poderiamos denominar "teoría do artefacto", como xa avanzara no ano 1968 David L. Clarke na súa obra Analytical Archaeology. Iso está moi presente nos arqueólogos da actualidade, para os que os restos arqueolóxicos teñen unha dobre lectura: as características ou "atributos" específicos e os contextuais. Os primeiros teñen que ver con aspectos propios da peza: o material ou materiais con que foi elaborada, as técnicas necesarias para obtela, a forma, cor, dimensións ou outros máis da mesma índole. Os atributos contextuais refírense a posición que ocupa en relación con outros elementos: relacións con outras pezas, se procede dun espazo doméstico, funerario, ritual ou doutro tipo, se é de produción local ou de importación e outras características semellantes. Pero antes de continuar con isto dos "artefactos", das comunmente consideradas como pezas arqueolóxicas, permítanme un breve inciso.

Para poder valorar a escavación nun xacemento arqueolóxico, diciámoslles que todos os datos son de utilidade. Cantos máis mellor Lembren a "cesta das cereixas". É entón cando entra en xogo todo tipo de información. Dun lado, os obxectos creados polo ser humanos: os "artefactos. Doutro, os elementos naturais, aínda que non foran manipulados antrópicamente, que contribúan a coñecer como aqueles viviron: os "ecofactos". Non temos a mínima dúbida que as pezas arqueolóxicas máis coñecidas pola xente allea a arqueoloxía son los "artefactos", xa que baixo esta ampla denominación recóllense todos os obxectos ou produtos obra do enxeño humano: ferramentas, todo tipo de útiles e un longo etcétera, entre os que se inclúen as que na actualidade consideramos como manifestacións artísticas (esculturas, pinturas, ourivería, gravuras, obxectos sacros, etc.). Mesmo algúns investigadores, aplicando un concepto amplo e xenérico, inclúen as obras de arquitectura e enxeñería, sen que a definición deixe fóra calquera obra produto da creación humana.

Pero e especialmente dende a década de 1960, véñense considerando esencias os chamados "ecofactos". Estes son, a grandes trazas, aqueles elementos naturais e non modificados polos humanos pero que proporcionan datos sobre os ecosistemas (paleoambientes) e condicións de vida das sociedades antigas. Habitualmente tales elementos soen ser restos de animais e vexetais.

Evidentemente este tipo de análises arqueolóxicas teñen por obxecto ir máis aló da descrición dunhas determinadas pezas atopadas nun xacemento no decurso dunha escavación. Pretenden no posible deducir os modos de vida que agachan tras de si tanto artefactos como ecofactos (agora xa sabemos a que nos referimos con estas palabras. Non si?). Pretendemos achegarnos, como antes lles dicía a aquel pasado que, por hoxe inexistente, é tan volátil. Máis iso leva consigo estirar as interpretacións ata temas moi especializados, que tamén precisan da colaboración interdisciplinaria. É a única forma de achegarnos aos sistemas de organización social, de parentesco, económicos, tecnolóxicos ou de institucións desaparecidas. Incluso aos tamén sistemas de índole filosófica e relixiosa. Pois si, todo iso, ou cando menos unha parte, está agachado tras os obxectos. Vexan que non é doado construír un relato cientificamente verosímil e non necesariamente "politicamente correcto" sobre o pasado, porque todos os costumes, usos, crenzas e institución tiveron uns tempos propios e específicos que maioritariamente non son intercambiables entre épocas: pensemos se non na escravitude ou no feudalismo, incluso nas penas de morte que se deron ao longo dos séculos, algo impensable para as mentes contemporáneas. Iso creo.

Lembremos as teorías do nacemento da nosa cidade. Dende reconstrución que permiten a historia en xeral e a arqueoloxía en particular coñecemos etapas pasadas, que agora nos sorprenden. Un núcleo urbano que emerxe avanzado o século I d.C., nunha zona onde Roma quere instalar un nó de comunicacións crucial para organizar o a Gallaecia e o noroeste de Hispania. A nova cidade que antes non existía como tal e que puidera apoiarse nunha importante compoñente simbólica: un lugar de culto erixido polos romanos nunha fontes termais sagradas, As Burgas, onde vivía e esparexaba os seu dons curativos un deus, Revve Anabaraego, a aquelas persoas que se achegaran onda el. Aí estivo actuando a arqueoloxía nestes últimos anos, exhumando números restos que nos falan de xentes que se achegaron ás Burgas entre a segunda metade do século I e mediados do II d.C., deixando uns testemuños sobre os seus nomes e as súas condicións sociais. Porque os altares (aras), ofrendas dos romeiros que acudían a Revve Anabaraego na busca de sanación, conteñen textos con nomes que que poden indicar procedencias incluso lonxanas, de orixe grega. Outras permitirían deducir a hipotética presenza de cidadáns de Ourense en épocas tan temperás, como puideran interpretarse dúas inscrición con tria nómina, os tres nomes que tiñan os cidadáns

Tamén a utilización de espazos habitados da cidade como lugares funerarios nas derradeiras etapas dunha cidade romana, a partires aproximadamente do s. IV d,C., e que se estendía polo menos dende tres séculos antes entre As Burgas, O Posío e a praza da Madalena.

No medievo a historia abre a posibilidade da existencia dunha corte real sueva, sen que a arqueoloxía poda polo momento aportar certezas. Séculos despois asistimos a un poder político asentado sobre un señorío episcopal, o que convirte ao bispo non só en pastor de almas, se non tamén e señor de vasallos. Todo iso en pugna constante coa eclosión dun poder municipal que compartirá co anterior unha tensión constante. Nesta etapa da nosa historia urbana, quizá pola evasividade dos restos arqueolóxicos, foi esencial o estudio dos documentos escritos, se ben permanece parte desa impoñente estrutura relixioso-defensiva existente entre a Catedral e o actual Museo Arqueolóxico (antes Pazo Episcopal) e que nós mesmos denominados en varias ocasións a "acrópole episcopal".

Conteilles algún exemplos de estudos sobre a nosa cidade, algún feitos recentemente, outros anteriores, pero lembren que a arqueoloxía, en canto a disciplina cun alto contido científico, está a sacar todos os días algo novo do pasado, polo que o relato sobre o mesmo é totalmente aberto. Iso o diferencia do dogma ou do mito, que permanece inherente e necesariamente inalterable ao longo dos séculos. Dos milenios. Precisamente porque a correcta divulgación do pasado é sempre outra forma de transmitir a reconstrución histórica, para un público amplo e que, para ser considerada como tal, precisa de métodos científica e academicamente contrastados, e non exentos de dificultades interpretativas que poden aclararse coa eficacia das técnicas de investigación. Lembren outra vez o "cesto das cereixas" (e nunha cidade con vocación termal, a Revve Anabaraego e ás Burgas).

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats