Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Grazas por todo!

Luis, fúcheste nunha tarde chuviosa de decembro, discretamente, sen querer perturbar nada no noso universo. A túa perda déixanos o corazón vestido de perplexidade e a alma ateigada de desacougo; déixanos orfos de palabras sinceras, de consellos sabios e de silencios cómplices.

Nada doe máis que asumir que nunca volverás sentar á nosa beira. Así que aínda sen tempo para dimensionar o baleiro que deixas, agarrámonos ás lembranzas de longas conversas, de reunións eternas, de proxectos apenas esbozados...

Gustabas de observar a vida desde detrás dun obxectivo nunca indiscreto, realizando unha escolma case inconsciente do que era importante e secundario. Sempre estabas no lugar axeitado, no lugar que a túa modestia e xenerosidade demandaban.

A túa implicación no mundo da cultura foi recoñecida por todos, eras actor principal de multitude de iniciativas e, en todas as demais, colaborador activo. Unha implicación que, máis alá da trascendencia dos actos, manifestabas mostrando a túa achega altruísta e entregada á causa da cultura.

Pero á marxe do teu compromiso coa Fundación Neira Vilas, co Centro de Iniciativas e Turismo da Estrada, do Premio xornalístico Manuel Reimondez Portela, co Padroado do Museo do Pobo Estradense e o Seminiario de Estudos Locais da Estrada, estaba o teu talante persoal, a paixón con que asumías calquera proposta, a actitude positiva que irradiabas e o apoio incondicional que nos prestabas a cantos tivemos a sorte de acompañarte nesta marabillosa viaxe.

Fuches bo, leal e respectuoso; incapaz de acumular rancores, un amigo en todo o sentido da palabra.

Será dificil seguir adiante sen ti, atopar o xeito de afrontar a túa perda. Estou segura de que a resposta non estára no esquecemento, senón en asumir, Luis Reimóndez Fernández, que fuches partícipe da nosa felicidade.

E boto man dunha das túas frases de cabeceira para pechar estas verbas: "Grazas por todo".

Ata sempre amigo.

*Amiga e directora do Seminario de Estudos Locais da Estrada

Compartir el artículo

stats