Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Apostemos polo noso comercio

Seguramente cando un comerciante levanta a verxa do seu negocio, sabe que comeza a batalla diaria por subsistir, nun momento que xa vén de vello, no que a veciñanza síntese atraída polas grandes superficies comerciais de terras alleas, porque a miopía existencial fai que non apreciemos o comercio de proximidade, cando este en Lalín está á altura do que demandan os máis esixentes.

En Lalín, despois dunha fonda crise, estanse a dar novas licencias de apertura de comercios e cambios de denominación dos negocios, nunha contía que triplica ao que acontecía nos anos anteriores ao 2015. Naquel momento os peches masivos de comercios, bares e, polo tanto, ilusións, sobrevoaban un Lalín atormentado no que o peche da billa da banca facía que se desmoronase o traballo inxente de emprendedores que pagaban unha crise que non provocaran.

Teño claro que en Lalín hai a suficiente oferta comercial como para que poidamos consumir, na medida das posibilidades de cadaquén, sen ter que desprazarnos a urbes nas que as grandes superficies fan reclamos envoltos en cortiñas de fume, para que entre polos ollos e os oídos, o que aquí ten que entrar polo corazón. Temos unha gastronomía que é referencia ao nivel do Estado, temos comerciantes que dende hai varias xeracións son capaces de ofrecer produto variado e a prezos competitivos, temos mercados de produtos de proximidade, que xa quixeran en outros lares pola calidade que evidencian, e temos unha praza de abastos, que en pouco tempo vai sufrir unha ilusionante reforma, pola que os consumidores lalinenses deberiamos apostar.

Se hai veciños e veciñas dispostos a ir mercar a Compostela, Ourense ou Vigo, coller o automóbil, pagar unha autoestrada, gastar en combustible e noutras herbas, porque "aquí é máis caro", será un síntoma preocupante dunha poboación que fai cálculos cuantitativos errados e cualitativos pouco solidarios. Lalín sen o seu comercio é menos Lalín; Lalín sen o seu rural mercando nas tendas, xantando nos seus restaurante e tomando viños nos seus bares, é menos Lalín... do esforzo e compromiso co noso tecido comercial, temos que construír un futuro para os nosos fillos e fillas, que partindo dese xa axioma incontestable que di que Se é de Lalín é bo, poidamos mirarnos uns aos outros aos ollos e saber que, entre todos e todas, podemos axudar para que o comercio de Lalín e os seus postos de traballo teñan o futuro que merecen... que todos e todas merecemos.

Ou non?

*Alcalde de Lalín

Compartir el artículo

stats