É o que acaba de aparecer coa repentina marcha de Luís Reimóndez.

Baleiro para a súa familia, baleiro para os seus amigos e baleiro para moita xente coa que se relacionaba en tantas e tantas actividades nas que participaba ou que el mesmo organizaba. É unha sensación como de vértigo para todos nós ao desaparecernos de diante o enorme espazo que el ocupaba.

Non tiven a sorte de coñecer ao seu pai, D. Manuel Reimóndez Portela, o persoeiro ilustre con espazo propio na historia de Galicia, pero si tiven a sorte de tratar a Luís. Cando tes a sorte de cruzarte na túa vida cunha persoa tan íntegra, sinxela, sensata, eficaz, práctica, coñecedora do funcionamento da máquina do mundo, culta, divertida, sabia..., pois sentes que mereceu a pena, que ese vaso queda cheo...

Luís axudounos de moitas maneiras. Dentro das máis coñecidas están as súas achegas nos eidos social e cultural, sobre todo no Rural. Para que siga existindo a Galicia Rural, para que siga vivindo xente nos pobos, iso do que tanto se fala e fala, é necesario completar dous aspectos, o económico e o Cultural (onde están as emocións). Neste último é onde Luís nos axudou, sobre todo co seu traballo na Fundación Neira Vilas e nas múltiples asociacións nas que participaba. Era práctico e resolutivo, sabía facer, sempre con moita discreción, os diagnósticos axeitados dos problemas e despois aplicarlle o tratamento correcto, por iso solucionaba e facía que parecera fácil o difícil.

Era un pracer desfrutar da bonhomía de Luís nos seus múltiples aspectos, a veces so mirando para el, e outras, por exemplo, vendo como trataba a xente, facéndoo coa mesma seguridade, sinxeleza e elegancia, tanto cando lle tocaba falar co Presidente da Xunta coma cando lle tocaba co noso veciño máis sinxelo, por suposto, como fan os máis grandes.

Sempre servizal con todo e con todos, cando había un problema, alí aparecía Luís para axudar a resolver o que fora. Por iso e por moitas outras cousas se lle apreciaba e quería tanto. Tivo a sorte de pasar os seus días cunha familia extraordinaria e cunha piña de amigos que me causaron unha sa e fonda admiración cando os coñecín hai xa uns cantos anos. Todos estaríamos dispostos a dar o que fora por el.

Estamos tristes e, ao mesmo tempo, quedándonos co retrogusto en positivo de que mereceron moito a pena os momentos ao seu lado. O baleiro encherémolo con iso pouco a pouco. Axudemos a que o vaian facendo primeiro Catina, Viki e Enrique e despois os outros todos.

Ogallá que sexamos capaces de facerlle algo de xustiza, tanto de xeito individual como colectivo, en agradecemento ao que el nos deu a todos poñéndoo á altura que lle corresponde por dereito. No meu caso, no lado particular, o pedestal no que descansa está no máis alto.

*Xefe territorial da Consellería do Medio Rural en Pontevedra