Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

HISTORIA

Euloxio Gómez Franqueira, actividade empresarial

Durante case unha década Franqueira compaxina o seu traballo de mestre coas súas preocupacións polo fomento do cooperativismo. Eran anos nos que a autarquía económica impedía o libre acceso a toda unha serie de produtos fundamentais para o ciclo reprodutivo agrario, caso das sementes, abonos e produtos anticriptogámicos e fitosanitarios. Por iso era imprescindible ter acceso á estrutura do sindicalismo agrario vertical, cuxa cúspide ocupaban a Xunta Nacional de Irmandades e a Irmandade Sindical Nacional de Agricultores e Gandeiros e, por baixo delas, as Cámaras Oficiais Sindicais Agrarias (COSA) provinciais e as Irmandades Locais de Agricultores e Gandeiros. A Unión Nacional de Cooperativas, as Unións Territoriais de Cooperativas (Uteco) e as Cooperativas locais completaban este organigrama corporativo.

Pois ben, en 1954, Franqueira accede á presidencia da Irmandade de Labradores e Gandeiros de Castrelo de Miño -cargo no que se manterá ata 1963- e da Cooperativa Local do Campo e foi ademais designado concelleiro do devandito municipio. En 1957 viaxou con algúns labradores á recentemente creada cooperativa vitivinícola de Leiro con intención de solicitar información sobre o seu funcionamento con vista á instalación dunha no seu concello. Con todo, estes primeiros ensaios non frutifican, e aínda que ao ano seguinte impulsou unha adega cooperativa na parroquia de Macendo o experimento non pasará do papel. No entanto, queda destes anos a constatación de que ao desconfiado e individualista labrego galego só é posible atraelo mediante feitos constatados a partir de experiencias que xa deron proba da súa solvencia.

En 1959 foi nomeado vicepresidente da Cámara Oficial Sindical Agraria de Ourense e xerente de Uteco. A priori este último non parecía un posto demasiado apetecible tendo en conta o practicamente nulo tecido cooperativista da provincia de Ourense, pero non podemos esquecer que as Unións Territoriais de Cooperativas funcionaban como auténticas axencias de distribución deses insumos de difícil obtención na España do Plan de Estabilización. Doutra banda, proporcionaban unha cámara de resonancia imprescindible para as súas ambiciosas ideas de expansión das cooperativas de produción. Deste xeito, en 1961, presentou cos seus compañeiros da Comisión de traballo de Cooperativismo agrario un relatorio no Consello Económico Social Sindical de Ourense articulado ao redor dun programa de acción cooperativa a desenvolver en cinco anos con dous eixos fundamentais: a vitivinicultura e a gandería.

Con relación ao cooperativismo gandeiro, propúñase a apertura dun matadoiro xeral frigorífico e industrial e dunha central leiteira explotada por unha cooperativa provincial de produtores de leite no nó ferroviario de Ourense-Empalme, que funcionaba a pleno ritmo desde setembro de 1958 en que se inaugurara a conexión ferroviaria con Santiago. Tamén se prevía a instalación dun muíño de pensos e unha fábrica de compostos. Finalmente, apostábase por orientar cara á produción de ovos a recentemente creada cooperativa provincial de avicultura.

Enseguida estas estruturas quedaron pequenas para o seu plan de expansión das redes de comercialización existentes, pois cada vez era maior o número de agricultores e gandeiros que buscaban acomodo baixo o seu paraugas, atraídos polas bondades dunha fórmula renovada pero en absoluto descoñecida: o cooperativismo como fórmula para rendibilizar as atomizadas explotacións dispersas por toda a provincia. A primeira das claves do éxito estivo na capacidade de Franqueira para gañarse o apoio dos presidentes e secretarios das Irmandades de Labradores e Gandeiros, especialmente na zona occidental da provincia de Ourense. A segunda, o saneamento de Uteco e a súa capacidade para conseguir insumos a prezo máis reducido que os fornecidos desde os organismos financeiros, ao que tampouco foi alleo o apoio crediticio prestado inicialmente pola Caixa de Aforros Provincial de Ourense e dalgúns amigos que se fixeron coa representación de varias casas comerciais estranxeiras especializadas en tales produtos.

Tras unha viaxe a Navarra retorna convencido da necesidade de contar cun instrumento financeiro ao servizo dos seus ambiciosos proxectos de expansión. Ese instrumento será a Caixa Rural de Ourense, creada o 24 de xuño de 1961 co apoio dalgúns dos seus máis próximos colaboradores. Ata oitenta e catro cooperativistas sumáronse ao proxecto desde o primeiro momento, podendo contar como principais activos cos fondos dispoñibles en todas as seccións de crédito agrícola das Irmandades da provincia previa autorización da Obra Sindical de Cooperativas.

Mentres isto sucede, España abandona definitivamente a autarquía e entra na senda da liberalización económica e a apertura ao capital exterior. Un exemplo disto é a inauguración dunha granxa piloto de cría de galiñas por parte da multinacional norteamericana Swift na localidade lucense de Sarria. Tratábase de establecer unha rede de granxas ás que se lles facilitarían poliños dun día e os pensos precisos para o seu engorde, pagando unha cantidade prefixada por cada unidade recollida para sacrificar no matadoiro de Lugo con vistas á súa posterior comercialización nun mercado en expansión e cun baixísimo nivel de saturación. Franqueira soubo ver as grandes posibilidades que a idea ofrecía e, unha vez máis, convenceu a un grupo de granxeiros e a amigos que pouco ou nada tiñan que ver co sector agrario para que se sumasen ao proxecto. Para iso puxo á súa disposición unha liña de créditos brandos a través da Caixa Rural, contando ademais, de ser necesario, co apoio da Caixa de Aforros Provincial.

En 1963 nacía a Cooperativa Provincial Agrícola Gandeira, núcleo orixinal das Cooperativas Ourensás (Coren), aínda integradas en Uteco, que inicialmente secundaron quince socios aínda que ese mesmo ano chegaríase a un centenar. Cada un deles contaba cunha granxa de 5.000 galiñas e un contrato con Swift nos termos xa apuntados, aínda que non tardarían en darse os primeiros pasos para o abandono da súa tutela. O primeiro deles, en 1964, é a apertura dunha fábrica de pensos no barrio do Vinteún a cargo de Uteco e baixo licenza da multinacional; os fondos necesarios conseguíronse grazas a un crédito da Caixa de Aforros Provincial co aval dos cinco membros da Xunta Reitora de Uteco e do propio Franqueira. Un ano máis tarde, en 1965, nacía a Cooperativa Provincial de Produtores de Ovos, inicialmente formada por vinte socios con granxas de entre 2.000 e 3.000 galiñas.

Ese mesmo ano 1965, por mor dun problema xurdido cos pagos, Franqueira o seu "núcleo duro" ( Francisco Contreras Brotóns, J. Vila Baceiredo, A. López Alejos e José Andrade Usatorre) deciden continuar por libre non sen antes asegurarse o concurso dos mellores comerciais da multinacional en Madrid ademais de parte do seu equipo técnico, en especial veterinarios. Seguidamente, en 1966, asínase un concerto coa empresa semipública Mapsa (Mercados Agropecuarios), que se comprometía a dar saída á totalidade da produción de carne e ovos do grupo. Dous anos despois, en 1968, tras entrar en crise Mapsa, Coren crea a súa propia Comercial mantendo, como fixera con Swift, aos seus mellores comerciais.

(*) Profesor de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo

Compartir el artículo

stats