Segundo vén de declarar, urbi et orbi, D. Íñigo Errejón, non hai 400.000 fascistas andaluces nas terras do sur de España. Xa que logo -engade aínda o candidato de Podemos á presidencia da Comunidade de Madrid para as eleccións de 2009-, cómpre termos humildade, escoitar e "atender a las causas: las transformaciones han dejado a mucha gente insegura, descontenta (...) El problema es que la gente que quiere justicia social, orden y protección esté huérfana. A esa gente hay que dirigirse."

Talvez acerte no seu diagnóstico o Sr. Errejón. Ou talvez non acerte. En calquera caso, do que non parece caber dúbida é que en Andalucía -como en Madrid, en toda Francia e Italia, nos Países Baixos, Hungría... e etc, etc- si que hai miles e máis miles de xentes que, con máis/menos razón no seu degoxo, se senten anoxadas, irritadas, desesperanzadas -á par que vítimas dun engano arreo- diante dunha situación que non dá síntomas dunha posible mellora e si, máis ben, de todo o contrario. Que tal cidadanía dese, daquela, un paso adiante e que se dispoña a selar un pauto co demo constitúe, parafraseando a célebre novela de G. García Márquez, a crónica dunha desfeita anunciada. Ocupado en prevaricar a miseria dos subsidios e en maltratar a gramática da lingua castelá, o peronismo/susanismo non foi quen de decatarse, e/ou non quixo/non quere percibir, o perigo. Da súa parte, xogando -sen sabelo, claro é; o seu coñecemento da Historia remata coa cousa da "Hispanidad"- a ser Franz von Papen na Alemaña dos anos 30, D. Pablo Casado Blanco e mariachis adxuntos consideran chegada a súa xeira.

Este modesto cronista milita con certeza entre aqueles que entenden que, por enriba de nós mesmos e da nosa circunstancia, conforma un deber ético de cidadanía devezar a verdade e insistir na limpeza de espírito. Se me permiten Vdes. a licenza novelesco-cinematográfica, trátase de non render xamais pleitesía a Sauron e a Morgoth. Agora ben; coido que resulta moi inxenuo desconsiderar os poderes do "Señor escuro" así como esoutros da "farlopa" e das camisas azuis/pardas. As sociedades -como os seus membros- enferman; sacudidos pola doenza, hai quen non ren reparos, entón, en pactar cos narcotraficantes. E tampouco co fascismo.

"Fagan Vdes. máis reformas e non se desvíen do déficit": velaí a medicina que os poderes establecidos receitan unha e outra volta. Traducido ao roman paladino: preparémonos para novos Eres e/ou rebaixas salariais -e se non nos gusta, velaí a ameaza dunha deslocación empresarial-, despidámonos dun sistema de pensións dignas e consideremos un futuro, mellor un "no future", sen netos que nos acompañen: os nosos fillos -metidos nos trinta e/ou camiño xa dos corenta, sen teren acadado -aínda o seu primeiro contrato de traballo indefinido- xamais se converterán en pais/nais. Iso si: poden prolongar e prolongar e prolongar..., en troques, a súa adolescencia e resultaren perennes bolseiros Erasmus, aspirantes -asemade perennes- a triunfadores nas redes sociais, influencers por un día, xoves emprendedores Peter Pan..., é dicir, reis e raíñas da pura bosta. "De que se queixan? É que non contemplan, telediario tamén e telediario si, esoutros centos, miles..., acaso millóns, de desherdados da fortuna a arriscaren as súas vidas no medio e medio do Mediterráneo? Pois daquela... E isto aínda non é nada: xa verán, xa verán os impíos, bolxeviques e revoltés a que se organiza cando cheguen onde nós os novísimos robots made in China! Dereito a un traballo e a unha vivenda dignos? Que o di a Constitución? Pero, de cal papel mollado andan Vdes. a falar?"

"Suspensión de la autonomía catalana hasta la derrota sin paliativos del golpismo y la depuración de responsabilidades civiles y penales". Poida que, en efecto, non haxa 400.000 andaluces..., perso si que hai 400.000, e máis, habitantes do "territorio español máis español de España" que se consideran aldraxados, desprezados, chantaxeados... traizoados, en fin, polos líderes dun "procès" egoísta e insolidario pero aínda tamén por cantos o amparan/comprenden/consinten e/ou simplemente deveñen débiles bombeiros buscando amortecer o lume. De certo é difícil interpretar a comparecencia insensata daqueles que coidaban de veras que a exacerbación do nacionalismo catalán nunca ía causar esoutra -aínda que tan só fose por elementan efecto de acción-reacción- do nacionalismo español. Claro é que logo de vinte e un anos -21-, gobernando desde La Moncloa e trinta e seis -36- dirixindo Andalucía, se algo se amosa nítido é que os nosos socialdemócratas -ou o que realmente veñan ser na hora presente- nunca foron capaces de levar a termo un proxecto cívico-educativo dotado de solidez.

O (neo)fascismo está de volta en Sevilla, en París, en Roma e en Berlín. Porén, xa nos explicou dabondo Bertolt Brech que, en realidade, a ascensión de Arturo Ui resulta perfectamente resistible. Iso si: non hai máis tempo que perder. Mañá xa é hoxe en España.