Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Chano Piñeiro na memoria

Na grande redonda da avenida da Liberdade érguese a columna triunfante, e o estilista de riba é o marqués de Pombal cun bravo león á beira. Velaí o esplendor de Portugal, por Lobo Antunes, e aquel primeiro ministro ilustrado a quen Sarmiento, temeroso, chamaba en privado e á galega, "Carballo".

Á sombra de toda esa eminencia e sobre o pedrado branco e preto nacionalpopular vexo pasar o corpo miudo de Chano Piñeiro, que nos acena cos dous brazos no corazón de Lisboa. Daquela dinme de conta, nun refacho de foguetería intuitiva, que Chano era tan grande coma a columna, tan león coma o de Pombal e tan ousado coma aquel reformador masónico do século XVIII.

En realidade, cousas miñas moi difícil de seren comunicadas. Houbo, días atrás, unha homenaxe a Chano Piñeiro, e polos escuros corredores da memoria fragmental pasou, primeiro, aquel rapaz do San Narciso de Marín que quería ser galeguista e se meteu finalmente na ilusión do cine entrefebrado de relato ou crónica da autenticidade.

A autenticidade así a visual fílmica coma a dos residuos da memoria e da alma que leva incorporados, constrúe o cine de Chano Piñeiro. Diciamos que a súa figura é alta, coma a columna de Pombal, e asenta, coma ela, sobre o chan da patria. Foi Chano ousado con "eu, o tolo". Alí o que ía ser político currilario escomenza por contraer matrimonio cunha bici. Os que só aprecen un Chano realista deben ir debullar este filme de louco que non é para nada tolo "Mamasunción" non é unha presentación etnográfica nin unha égloga galeguista nin nada do cine galego documental que moitos desexaban no meu tempo.

É un grande relato, coma se se tratase dunha "cousa" por Castelao. A face da protagonista e o seu actuar e os escenarios fannos acordantes do Kino-pravda ou cinema-verdade. Pero non. Non é John Cassavetes nin tampouco dogma. E "Mamasunción" tamén é os deseños da Matria que sairon incesantes da man de Reimundo Patiño. Co cal imos a "Sempre Xinxa", cun centro imantado que é Uxía Blanco e unha estoria veraz, sentida e comunal de todos nós.

Quen reduza, por torpeza, o cine de Chano a ruralismo pode pisar un angazo e dar co rabo del nas nefras. Porque aí a está a película "Esperanza": xeometría urbana, a cara fría do betón cúbico, o neorrealismo reinventado en interiores domésticos que poden inducir a unha compaixón de reminiscencia rusa clásica.

Coma unha imaxe profética, despois de dirixir "O camiño das Estrelas", onde se cruzan o lobishome e a serea, nun imposíbel, Chano Piñeiro compareceu no cosmos para brilar sempre desde o alto. Nunca o esquenceremos.

Compartir el artículo

stats