Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Cadea de despropósitos

Por sistema non entro nestas "cadeas de", que pululan sen fin por internet, nin leo, nin fago caso delas, porque normalmente sonche falsas, novas tendenciosas que pretenden crear unha opinión a favor ou en contra de, ou simplemente forman parte desta nova maneira de enganar e facer comulgar a xente con rodas de muíños, sobre todo cando careces de formación, de tempo para investigar, ou da mais mínima curiosidade e tragas con todo o que che contan, se vén da rede aínda máis, palabra de Deus, para moitos incautos do mundo mundial que aínda non comprenden a cantidade de estupideces e mentiras mal intencionadas que circulan na nube, non precisamente nas dos ceos celestiais.

Hai pouco recibín unha máis na que se fala dunha suposta carta dunha mestra xubilada que arrasa en internet, na que a conclusión final do que está a suceder na nosa sociedade é a de que "os únicos culpables sonche os pais".Digo eu, admitindo antes de nada que se trata dunha carta auténtica, do que teño serias dúbidas e gran desconfianza, se esta señora non foi nai, ao tempo que mestra?, para chegar a tan demoledora e inxusta conclusión.

O problema, diríalle eu, non son os pais, nin sequera as nais, nin os mestres nin os analfabetos recalcitrantes, nin os ignorantes, nin os imbéciles convencidos, nin os políticos corruptos, nin os xuíces indignos, nin os banqueiros dementes tan só preocupados en amasar cartos, nin os empresarios desocupados da vida e tan só ocupados en facerse ricos e poderosos, nin os cregos pederastas e a Igrexa que abandonou o sentido común e as doutrinas de Cristo hai tempo en pos do Becerro de Ouro, do boato e a parafernaliña absurda e incomprensible. Tampouco son culpables os militares e señores da guerra, nin os perversos e pervertidos, nin os abducidos polas relixións do odio. Non, o problema é dunha sociedade e dun mundo mundial globalizado na senrazón, no que o todo vale e tonto o último, e o noso santa santorum que transmitimos os nosos fillos xunto co vaso quente da merenda, herdeiros da nada lamazal de inmundicia na que nos estamos a afundir cada día un pouco máis, mentres mergullamos a forma e maneira de ser dos que están enriba, pisoteando aos de mais abaixo para poder sacar as nosas cacholas e seguir respirando este aire contaminado e sucio de lixo e merda, porque non temos futuro como raza dexenerada e putrefacta na que nos temo convertido.

Ningún animal deste planeta que chamamos Terra é quen de mancillar e esquecer os seus sentimentos dun xeito tan cruel coma nos, o xénero humano. Ese é o noso auténtico problema e dende logo a solución tan só a podemos atopar na educación dende a xenerosidade, a razón, a igualdade, a xustiza social, a liberdade e o amor.

Pura utopía, ou tal vez demagoxia? No peor dos casos populismo, como din agora os de sempre.

Compartir el artículo

stats