Non podemos permitir que os maltratadores, violentos, delincuentes e, nalgúns casos, asasinos, teñan contacto cos seus fillos, coas súas fillas, incluso con ningún outro menor.

E cando digo contacto quero dicir, ningún contacto: nin virtual, nin epistolar nin por suposto, físico. Non o podemos permitir. E non nolo podemos permitir porque o ambiente no que eses menores se crían e conviven é xusto o contrario do que pretendemos transmitir e nos que investimos moitos recursos públicos.

Aos menores estamos dándolles estratexias para soportar a violencia; ensinámoslles a non molestar a papá; a mirar cara outro lado cando acosa ou bate na súa nai; a agocharse na caseta do can até que pase o temporal. Porque papá quéreos moito pero non se entende con mamá, e mamá é tan mala xente que non lle axuda nada; e deixémonos de lerias, todo amparado polo lexislativo, executivo e xudicial.

Repetimos o "mantra" de que a solución pasa pola educación pero... Que educación? A que lle ensinamos nas escolas ou a que aprenden do pai maltratador? Claro que hai que intervir na educación para transformar esta sociedade machista e patriarcal, como non; pero a xente nova non estará disposta a dar a batalla se ve como os adultos, con todo o seu poder, consenten que o 6% dos menores viva no inferno. É intolerable. Dicir que a solución é a educación, é un bonito xeito de asubiar para arriba.

Cambiemos a perspectiva e imaxinemos que pasaría se houbera un verdadeiro pacto de estado ben dotado e coa máxima prioridade política para aplicar en todas as áreas da vida; imaxinemos un poder xudicial ben formado, co mesmo nivel co que se forman nas outras disciplinas do dereito, con xuízas, xuíces, Fiscalía, Avogacía verdadeiramente comprometidas e que castigaran sen ambaxes aos agresores. Imaxinemos que os equipos forenses e os equipos psicosociais que informan aos tribunais comprenderan verdadeiramente que é a violencia, a buscaran e a recolleran como é debido sen agocharse detrás do falso Síndrome de Alienación Parental, ou os seus sucedáneos.

Imaxinemos unha atención ás mulleres vítimas nas comisarías, nos xulgados, na vida en xeral que despregue comprensión, empatía e perspectiva de xénero.

Así si que podemos falar que a solución pasa pola educación porque os deberes dos que temos que educar estarían feitos. Mentres iso non pase, estamos botando semente nun campo de pedras.

* Concelleira de Igualdade