Sen dúbida, han de ser uns cantos/bastantes de entre Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, aqueles que, desde diferentes perspectivas ideolóxicas e á vista "da que está caendo", consideren e interpreten que non cabe xa outra saída posible para a actual situación máis que esa mesma dunha inmediata convocatoria de eleccións xerais. En efecto, na perspectiva dos sectores abeirados ao Partido Popular e/ou a Ciudadanos, vense argumentando, dia si e día tamén, que o actual goberno das Españas, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos non constitúe máis que unha especie de pasarela insensata, un club de arribistas medradores que, na cobiza desmesurada do poder, non só subscriben alianzas contra natura senón que mesmo se poñen de perfil -cando non en pompa- diante das impertinencias mil de parte dos "golpistas" cataláns. Se a iso engadimos aínda o contubernio arreo con esoutros "vermellóns, fillos de Chávez e irmáns de Maduro", acaso pagados polo ouro de Putin, está ben claro que camiñamos directos cara ao abismo.

Mais acontece aínda que do lado dos "golpistas" tampouco está a cousa como para botaren foguetes. Ponderando, seica, que os tribunais españois -como a Penélope de X.Mª Díaz Castro- andan a dar "un paso adiante e dous atrás" e que "todo é asegún" en materia xudicial, velaí que, desde Barcelona/Bruxelas, preguen, preconicen, impetren, esixan, requiran... -así mesmo, día tamén e día si- a inmediata excarcelación dos seus camaradas de aventura e, nin que dicir ten, o paso libérrimo para a epifanía da República catalá ad hoc. En fin, polo que se refire agora ás hostes lideradas por D. Pablo Iglesias Turrión, tal semella que o seu creto nos úrsidos se resolva limitado: ao cabo, o goberno Sánchez -e, desde logo, o propio D. Pedro á fronte- son de dar moitas apertas; pero sabido é que as apertas dun oso deveñen mortais. A fantasma da "casa común da esquerda" elévase, terrible, sobre o horizonte.

Así as cousas, vén de ser o propio presidente do executivo patrio quen nos anuncie que, con certeza e malia que o seu propósito estea aínda en concluír a actual lexislativa, non é de desbotar a posibilidade dun adianto na cita coas urnas. Nin que dicir ten, expertos na cousa e tertulianos de postín/postineo andan a indagar xa arredor dun "superdomingo electoral", periscopio á vista. Xa que logo, os uns e mais os outros, os outros e mais os uns.., todos refregan as mans. De veras...., teñen, todos eles, motivos para iso?

O Partido Socialista conta apenas con 85 deputados; D. Mariano Rajoy Brey e mais os seus sumaban, e suman, 137, e xa coñecen dabondo Vdes. como é que lles foi. Porén, coidan os lectores que é peor a situación pola que está a atravesar o actual goberno que aqueloutras circunstancias que contextualizaron o labor do último ministerio conservador?

Se botamos a ollada para alén dos Pirineos, a sensación resulta contraditoria. Por unha banda, é certo que 85 suma 85 e que, se mire como se mire, a artimética non dá para máis. Agora ben; a Europa de fins de novembro de 2018 -non digo a dos meses próximos- é unha Europa moito menos esquiva para os devezos españois que esoutra coa que foi dar o Sr. Rajoy. Co Brexit si ou si -por moitas reviravoltas que lle queiran dar-, cunha Italia -que non é Grecia, aquela coitada boa xente!- en aberta rebeldía, coa Sra. Merkel en retirada...., mesmo co exemplo de Portugal, o diktat alemán, se ben que non en 0.0., si que rebaixou os seus contidos en cafeína. Líbrennos os deuses doutra crise, claro é, pero o certo é que as augas baixan caudalosas e as marxes e ribeiras xa non se deseñan imbatibles de seu. Son posibles, daquela, outros orzamentos, expansivos? En todo caso, e obxecten o que obxecten, vaian queixarse a Bruxelas os Casado/Rivera, si que se enxergan máis probables que onte.

"Cataluña labirinto". Que solución propoñen, dunha banda, D. Pablo e D. Albert e, desde a outra, réprobos e proscritos? Este modesto cronista non ten noticia de que ambos os co-líderes da dereita, por moito que anden a investir no asunto todo un capital de oratoria, se queiran encomendar de vez, 155 redivivo, aos milagres de San Jair Bolsonaro e/ou mariachis adxuntos. Tampouco parece que o Sr. Torra, para alén de discursos e testemuños -hai que darlle satisfacción ao público-, estea disposto a verter o que outros non verteron hai un ano. Ou dito/escrito en bravú: vai defender, como heroe, o que o seu antecesor, político que é, non foi defender daquela? Falan en serio -cando falan do que falan-, os uns e mais os outros, ou estamos a asistir á nonaxésima fachenda teatral? Porque todos saben, ou deberían saber, que a única posibilidade radica nos indultos e, ao tempo/desde aí, sentaren á mesa e barallaren de novo. Iso a non ser, desde logo, que a ninguén lle importe que, máis cedo ou máis tarde, Madrid -e toda España- se transforme en Barcelona. Tan pouco lles preocupan, daquela, os seus concidadáns?

Eleccións á vista, si. Pero trátase realmente de eleccións por algo máis que eleccións por puro vicio?