Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Na morte de Xulio Formoso

"Negro nacín no fosco Sul/ son un tribeño no Viet Nam, estudo leises en París/ chámanme cholo peruán/ galego son da Beiramar./ Poñerei fogo a Vaksonville/ os invasores morrerán/ as barricadas son o meu/ na noite cántame a mañán/ en Santiago hei de cantar". Estes versos podían ben servirlle aos historiadores do nacionalismo galego, para ilustrar a alma e o patetismo limpo da UPG de 1968, ano moi citado nestes últimos tempos aquí. A verdade é que, na miña memoranza, o 68 está a renacerme unha e outra vez cando escribo, coma soe facer no parterre, para horror dos xardineiros, o fuciño da vella toupeira.

O autor do poema co que se inicia este artigo é Farruco Sesto Novás. Este, alén de poeta, arquitecto e ministro de Chávez, é un vigués de nación e un galego que de esquerda real que, pesia a ter vivido o máis da súa vida en Venezuela, nin rexeitou as propias reigañas nin deixou a banda da barricada que lle correspondía por raíz e intelixencia cordial. O cantante, o músico que converteu as palabras antes citadas en míticas no universo da nova canción galega foi Xulio Formoso, nacido en Vigo e crecido en Bueu. Fillo daquel inesquencíbel, tamén Xulio Formoso, xornalista de boa pluma que formou parte da oposición antifascista na Irmandade Galega de Caracas.

Na Nova Canción Galega, por volta de 1968, houbo xermolos que deron gromos valiosos en Compostela e en Ferrol.

O de Caracas, con Celso Emilio en persoa a animar o acontecemento da Nova Canción Galega, non tivo demasiada difusión, aínda que en 1970 apareceu un disco, "Galicia Canta", no que Xulio Formoso é estrela, na compaña de letristas tais coma Celso Emilio Ferreiro, Farruco e X. Ignacio Sesto. Coido que a capa fora deseñada polo artista, tamén vigués e venezolano, Xosé Ignacio Sesto Novás, que deseñara con Celso, entre outros artefactos sobversivos, os bonos ou "Avinzas da Loita" da antes citada UPG. En todo caso, os de Venezuela incluíron na "Galicia Canta" de 1970 as voces irmás de Benedicto, Miro, Guillermo Roxo, Xoán Rubia e, en pudico e honroso derradeiro lugar, Xulio Formoso.

Este que acaba de falecer, e de quen conservamos un imborrábel recordo, foi músico, artista plástico, intelixente e leal persoa. A súa obra é múltiple e sábese que tivo o corazón sempre en Galiza. Faleceu en Madrid aos 69 anos de idade. Séxalle a terra leve. Beizón a Francisco R. Pastoriza por nos avisar do seu pasamento e á Fundación C.E. Ferreiro por ter reproducido o imborrábel "Galicia Canta".

Compartir el artículo

stats