Sobre o 1958 preguntabámonos cousas, moi urxidos polo informalismo, polo expresionismo norteamericano e pola interpelación que nos facía, coma un remorso permanente, a vangarda soviética. E quen eran os galegos que estaban preocupados por unha pintura nosa non figurativa? Uns cantos que logo integraron A Gadaña, co Reimundo Patiño á cabeza.

Sabiámonos respaldados por Manuel Antonio, pero nos anos vinte do século idem non había ningún Manuel Antonio na pintura galega. A algúns levábaos o Demo o feito de que Malevich fose un artista da mesma idade que Ramón Cabanillas.

Nun paso adiante, A Gadaña, movemento plástico xeminado con Brais Pinto, produciu os seus manifestos e as súas polémicas sonadas. Logo os cadros fóronse pendurando, en colectivas non menos debatidas, en Vigo e en Lugo. En termos xerais, A Gadaña anterior a 1960 escolleu a abstracción sen ningún xénero de dúbidas. No mesmo xesto, rexeitou o constructivismo ou o xeometrismo e, amosando as raíces sentimentais do grupo, abrazou o informalismo como "derradeira oportunidade da pintura galega".

Certo que moitos, Patiño, outros, entraron á nova figuración ao mesmo tempo que exploraban as posibilidades políticas do comic e as linguaxes estéticas de masa. Pero o difícil, ou imposíbel, parecía conciliar efectivamente a abstracción cunha simultanea figuración.

Estes días un grande da plástica galega dos séculos XX e XXI, Antón Goyanes, fai unha exposición, inquietante e conmovedora, de carácter antolóxico, no Museu do Mar, Muíño de Vento, Alcabre. Alén doutros prodixios, Goyáns pendura unha serie sobre a Porta do Sol de Vigo. Paisaxismo urbán, pois? Se cadra si, pero algo moito mais importante ca iso hai nesa serie.

Alén de resultar irrecoñecibel este centro real da cidade de Vigo, prodúcese o milagre de que as pinturas de Goyanes son, en verdade, Porta do Sol. Esta serie, e otras veciñas na mostra, poden ser captadas inicialmente como abstracción magníficamente ben modulada pero, deseguida, o mirón pasa a recoñecer o referente retratado en segredo.

Podemos, pois, ver en cadro abstracto interferido por un cadro figurativo na mesma superficie plana, coloreada e dotada de liñas invisibles. Todo un misterio, o que nos ofrece Goyanes, que moito terá que ver co misterio e coa invisibilidade presente na máis visual das artes cando o pintor é capaz e máxico. Non falta na exposición de Alcabre unha captación do ar e espacios etéreos de Velázquez en forma de homenaxe que Goyanes nos doa coma claves para poder pasar as fronteiras.