Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

itribuna libre

Salvador Torres, funcionario de Bueu, licenciado

O bo pano na arca véndese. Da escola primaria sen rematar de don Jacobo, con catorce anos ó Concello, pasando antes dous anos pola delegación do Banco da Coruña en Bueu na rúa Príncipe ou de Vincenti. Esta sería en esencia a vida laboral de quen ten chegado ó xubileo ou gozo dos seus cincuenta anos ininterrumpidos de servicio público incluído o militar obrigatorio. Vaise como chegou, coa discreción e sinxeleza que o caracteriza, aínda así, Bueu debe saber que o seu funcionario local máis antigo que non máis vello, xubílase para deixar o seu posto de auxiliar de administración xeral no Concello, para min persoalmente, prezado compañeiro, o secretario xeral accidental ou por delegación que atopei á miña chegada e en moitos periodos anteriores.

A administración que deixas nada ten que ver con aqueloutra que atopaches, pero esta última, a do expediente electrónico terá que demostralo aínda, mentres que esoutra, a do manuscrito, da mecanografía e da reprografía cumpríu a súa función. O mesmo ocorre co Bueu de entón ó de hoxe. A Corporación municipal daquela andaba atarefada na urbanización da rúa "B", actual Carballeira ou da recén aperturada rúa "A" do Plano de Poboación da Vila de Bueu de Rafael Picó do ano 1926, hoxe tramo superior da avenida de Castelao, na construcción das agrupacións escolares da que será a reforma educativa da Educación Xeral Básica (EXB) e no encargo dos planos da futura nova praza mercado municipal de abastos e lonxa do peixe ós arquitectos César Portela Jardón, fillo do aparellador municipal e Pascuala Campos de Michelena que se inaugurará en 1972 en substitución dos edificios en pedra do ano vintenove. A estrada ó Outeiro e subministro de auga potable ó casco urbano, eran as outras preocupacións do momento. A actual Casa María de Hermelo pedía licencia de apertura para ultramarinos e estaban en apoxeo as permutas de parcelas no cemiterio municipal da Portela, inaugurado cinco anos antes. Nas parroquias, as solicitudes de traídas particulares de auga doméstica para abastecemento das casas aumentaban e haberá que agardar cinco anos máis para o grande éxodo dos illáns de Ons ó continente.

Nada que ver cos tempos actuais, aínda que alguén dirá que había tres cines, un casino, unha casa cuartel da garda civil e tres fábricas de conservas ó mesmo tempo. En troques, viría unha casa do mar reconvertida en centro de saúde, un instituto de ensino medio e tres grandes supermercados. Na túa persoa, Salvador conflúe a mellor tradición dos oficiais maiores dos que foches depositario como José Cerqueiro Malvido e Julio Rodríguez Portela ou mesmo Javier Domínguez Fernández, servidor de nexo causal entre xeracións de corporacións cambiantes en idades e sucesións intestadas coa intrahistoria da propia casa consistorial como alma mater e fío condutor dos antecendentes obrantes que ninguén coñecía por razón de idade e procedencia.

Non traerei aquí o teu dilatado expediente persoal de méritos e recoñecementos de superiores cos que compartiches despacho ó longo de décadas, sen menoscabo de ninguén, pero si poñer en valor na túa persoa como categoría o labor funcionarial como servidor público ás veces tan denostado que en ti simbolizamos, recoñecendo e compartindo nos compañeiros que nos precederon e que aquí deixas como o mellor exemplo de entrega, adicación e xenerosidade persoais. En propio nome foi todo un honor e gratitude ter compartido contigo estes vintedous anos de profesión dos que me sinto debedor e aspiro a transmitir e achegarme no posible. Gaudium magnum licenciado. "Dios que buen vassalo si oviesse buen señor !" Salvador Torres Lorenzo.

*Arquiveiro municipal de Bueu

Compartir el artículo

stats