Saiban disimular os, sempre moi amables, lectores que dea inicio ás presentes liñas co relato dunha pequena anécdota familar. Verán: hai cousa de case corenta anos, cando este cronista andaba a facer as súas "primeiras armas" -en concreto, "armas" radiofónicas-, un veciño da miña familia materna foi espetarlle ao meu padriño/avó Dimas o seguinte relato:"Hoxe oín falar na radio ao teu neto, Moncho. Falou en ghallegho" . De contado, o meu padriño/avó respostoulle, firme e orgulloso: "Mira, Aurelio. Dis ben en que o meu neto falou na radio hoxe. Pero non falou en ghallegho. O meu neto falou en enxebre. Como Curros Enríquez".

E vén a conto a anterior historia por mor de varios comentarios, escritos pero mesmo algún de viva voz -asemade que peticións de que consigne aquí o meu parecer ao respecto-, de parte dalgúns de entre Vdes., coincidentes, todos eles, en laiarse verbo do galego empregado -un galego "acastrapado", "castelanizado...", de acordo con ditos correos e/ou comentarios- en determinados espazos da comunicación oral mais aínda tamén en certos textos de variada condición. Poñen, daquela, como exemplos -malos exemplos- os meus comunicantes a utilización de expresións tales como: "a semana pasada estiven no meu pobo, Chantada, para ver uns familiares e amigos"; "díxome que non fora porque ti non lle avisaras"; "quenes son eses rapaces?" ou "dille que non lle teño medo algún".

Desde logo, cen anos que eu viva, poderán, se cadra, esquecerme na memoria aquelas palabas, afoutas, de parte do meu padriño/avó Dimas. Pero estou ben certo, porén, de que nunca xamais se han de borrar do meu corazón. É por iso que non podo ser neutral. E, moito menos, cando acontece -e tal vén ser o caso desoutras expresións que vimos de referir no parágrafo anterior- que se está a perpretar un atentado contra as máis elementais regras da nosa gramática. Levan razón; levan razón, pois, os meus cordiais interlocutores: "pobo", no noso idioma, fai soamente referencia ao conxunto de persoas que habitan nun determinado lugar -"o pobo galego", "o pobo alemán"- ou á xente común, as clases populares. Xa que logo, en Galiza non hai "pobos"; temos, iso si, "cidades", "vilas" -Chantada é unha delas, como Cangas, Arzúa...-, "aldeas...". As formas do pronome persoal para a 3ª persoa no obxecto directo son sempre: o/a, lo/la, no/na: "díxome que non fora porque ti non o/a avisaras" -en castelán, é posible dicir/escribir "lo saluda atentamente"/ "le saluda atentamente"; en galego só resulta admisible "saúdado atentamente"-. "Quen" é sempre forma invariable: "quen son eses rapaces?" Canto a "algún", xamais pode aparecer detrás de negación; a única forma correcta resulta ser, no noso exemplo, "dille que non lle teño medo ningún". Cómpre reiterar, en consecuencia, que devén imposible permanecer imparcial cando o que se pon en cuestión é a propia esencia da lingua de noso. Se habitásemos nun país que apreciase realmente a cultura, aquelas persoas que desempeñan -desempeñamos- un labor público deberían (deberiamos) ser os primeiros en cuidar, respectar e utilizar o idioma como de veras lle cómpre. Desgrazadamente, tal non é así -polo menos, no momento actual-, e non constitúe ningún alivio, todo o contrario, que ese mesmo descoido, desleixo... en relación ao galego veña prexudicar así mesmo o castelán. Como anota o vello adaxio, "mal de moitos, alegría de parvos."

Outra cousa veñen ser, non obstante, as escollas fraseolóxicas ou léxicas. Con certeza que, desde un galego enxebre, semella moito máis noso dicir/escribir "reparaches ben no que che contei onte?" que esoutra fórmula "fixácheste ben...?" . Ou, xa na cerna do allo, abeirarnos a "non paga a pena sufrir tanto" no canto de "non vale a pena...". En fin, persoalmente non acaba de prestarme que a xente faga "sendeirismo". E non porque estea en contra, madia leva!, de semellante práctica socio-deportiva actual senón porque son incapaz de transformar os meus "carreiros" de toda a vida nesoutros "sendeiros" recén pasados polo ferro. Agora ben; o idioma é, de seu, algo vivo, unha ferramenta que construímos, no día tras días, entre todos; doutra parte, se algo ha de caracterizar o oficio do escritor, tal vén ser, si ou si, a plena liberdade temático-estilística. Máis enxebre/menos enxebre? Dependerá da necesidade e da ocasión.

"Ei, meu!, que tal andas?" Este cronista chegara a pensar que o uso dese "meu" para referirnos a un amigo, un colega, un coñecido de noso... formaba, definitivamente, parte do pasado. Observo ou, mellor dito, oio e escoito que retornou, e con forza, nos beizos da rapazada. Benia a eles! En calquera caso, toda unha raiola de esperanza: ao mellor si que é verdade que a historia transita sempre cara adiante, se ben que por camiños tortos. Fast food? Postos a escoller, eu prefiro sempre produtos enxebres.