Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Tempo de magostos

Non dou dado cunha explicación etimolóxica para a palabra magosto. Aínda que propia do mundo aldeán de Galicia, Administrativa e Exterior, e tamén do Portugal que non foi Lusitania senón Gallaecia, a verba magosto conservouse con forza até os nosos días na cidade de Ourense.

Hai quen sostén que a catedral de Ourense é a única de Galicia que está avogada a un santo patrón, que neste caso é San Martiño de Tours. Aínda que non falta quen sospeite, e con motivos, que estamos perante unha suplantación de San Martiño de Dume ou Dumiense. Este foi un magyar que quixo ser galego por mellor servir ao Basileus de Constantinopla.

O caso é que o meu magosto infantil, é urbano e xurdio. Día de festa en Ourense, no San Martiño os sinos da catedral son tanxidos a vóo e replicados por repiniques en todas as igrexas da urbe e rodopío. Os ourensanos saen ao extrarradio, de preferencia ao Montealegre a facer o magosto. Alí a mocedade prende fogueira e asa castañas. Bébese moito e choutase por riba do lume. Ao longo das idades, foron moitas as xeracións ourensás que colleron a súa primeira bebedeira no magosto de San Martiño.

Sendo eu novo, algúns estudantes galegos en Madrid ían ás beiras do Manzanares para alí faceren o magosto. Nunha ocasión, atopámonos cun grupo idéntico ao noso. "Sodes galegos?", preguntámoslles. "Somos de Ponferrada", dixeron. En realidade eran (coido lembrar) de Vilafranca e de Cacabelos. Cursaban estudos de enxenería e dado que non demostraban ser alleos ao idioma galego, unimos as nosas castañas e os nosos garrafóns de viño e escenificamos un magosto tan galego coma berciano.

Chéganos, de Edicións Positivas, un libro belísimo cos textos do I Premio Morales para a promoción da lingua galega no Bierzo. É dun premio para escolares cuxo tema forzado foi "Os Magostos". Con referencia nun magnífico poema de Fernández Morales titulado "Os Magostos", os rapaces e as raparigas do Bierzo concorreron en masa a narrar o seu magosto. O resultado é este libro. Polos vistos, nin o idioma galego nin os magostos desaparecen do Bierzo. Inda máis, en moitos lugares de Galicia onde o magosto se perdera, hoxe se encontra felizmente recuperado.

Compartir el artículo

stats