Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Novelas familiares

Gonzalo Navaza sinalou que en moitas familias galegas se transmite o mito dun antepasado ou fundador "que veu de lonxe". Ou sexa que non era galego de nación. Doadamente podemos detectar nesta narrativa das orixes un complexo de inferiorirade colonial. Os esteos totémicos do Nordeste de América ostentan no cumio o animal de que procede a estirpe.

No Summa Artis de Pijoan sal a foto dun poste aleutiano en cuxo punto máis alto figura un señor ruso con redingote e chapeu de copa. Non coñezo galegos que se reclamen de antepasados árabes, por moito que anden os "mouros" apegados a todas as vellas pedras de aquí. Sei de varios que fantasean cunha castimonia xudía, improbábel a todas luces.

A Gran Enciclopedia Gallega fomenta a manía de grandeza e ilusiona algúns compatriotas con mentira de provir de liñaxes nobiliarias estranxeiras. Eu son Méndez e a obra citada incita os que levamos este humilde apelido a nos considerarmos descendentes do reio godo Egica. Tamén nesa obra se di que Ferrín é unha estirpe de orixe cántabra. Pero non é así. Méndez é o que levaron antepasados meus de Vilanova dos Infantes, xente sen terra nin riqueza e dedicada secularmente á artesanía ambulante e á música non menos xiróvaga. En canto a Ferrín, veñen do Couso (Campo Lameiro) e case todos foron pedreiros de oficios; tamén moi viaxeiros.

Mesmo hai autores serios que lles procuran, á figuras do pasado que admiran, unha inexistente orixe aristocrática. É o caso de Otero Pedrayo. A este varios historiadores fan transferencia e á figura colosal do Mestre lle atribúen unha fidalguía que non é certa en absoluto. Incluso hai quen explica a ideoloxía pretendidamente conservadora de Otero por unha fantástica aristocracia.

Dicirlle conservador a quen foi deputado do Partido Nazionalista Republicán nas Constituintes da I República e represaliado por Franco é un gravísimo erro de apreciación. Chamarlle pazo á casa de Cimadevila e nobres aos donos que ela tivo desde o século XVIII, un disparate. Pero en fin, nos EE UU hai quen está a presumir dun antecesor indíxena americano. Isto último debeu de xurdir cando se puxeron de moda as películas de Pocahontas. Eu sei de varias familias norteamericanas de raza preta que hoxe pleitean por conseguir a adscripción á nación sen vantaxes sioux.

A fantasía desta natureza convertida en neurose foi estudada por Freud so o rubro de "Novela de Familia" ( Familieroman).

Compartir el artículo

stats