Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Filosofía española

"Dábanos clase un catedrático xa maior, chamábanlle Don Anselmo. A mellor da nosa aula viña ser Marisol P.S., chapaba todo o chapable e aínda máis que houbese. Non; non era fea en absoluto; mesmo tiña uns ollos bonitos, máis verdes que grises. Pero, polo que fose, o caso é que a Don Anselmo non lle gustaba. Mellor dito: non lle gustaba nadiña. Ademais, Marisol falaba todo seguido, sen facer pausas. Entón, cando o outro a chamaba, ela respondía deste xeito: ´Platón? xademoinovo entrouaformarparte dogrupodesócrates (...) Platonopinabaqueoben non eralgosubxetivo´.´Cale, cale a boca e sente! Parece Vde. un papagaio; mellor dito, unha papagaia!´ A min, a filosofía... era como se me falasen en chinés ou en ruso. Os meus filósofos eran Robert Redford -estaba imponente en ´O gran Gatsby´- e mais Los Pecos (logo xa fun cambiando de gustos... musicais, claro). Cando me chamaba, eu respondía: ´Platón... Platón era....´, e Don Anselmo: ´Platón era un filósofo grego...´ E eu: ´Platón era un filósofo grego...´ E engadía el: ´que pensaba que o ben non era algo subxetivo...´E eu: ´que pensaba que o ben non era algo subxetivo´. ´Moi ben, estupendo, señorita! Ten Vde. un 9´ En fin; está claro que eu si que lle gustaba. E ti? Como levabas ti a filosofía?"

Quen de tal xeito debulla as súas lembranzas de estudante de bacharelato, vén ser unha guapa, loira, moi simpática e cara amiga, natural de terras ourensás. "Que como levaba eu, a cousa? A ver: de cando ti me contas, eu xa tiña idade para ir axeitando filosofías de meu. Platón? Parménides? Penso que Platón xogaba no Panathinaikos. Canto a Parménides,... pode que daquela andase polo Olympiakos."

Certamente, tal semella que nunca fomos os habitantes de España, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos -a ver: hai excepcións, como en todo;por exemplo hai a quen se lle dá por plantar as patacas entre as silveiras- xentes moi dadas á investigación e análise das cuestións filosóficas. Un país de países onde non faltan, todo o contrario, aqueles que presumen de teren obtido a súa licenciatura, e másters ad hoc, na "mellor das universidades; é dicir, a universidade da rúa", non parece o espazo máis apropiado para que xurdan, e triunfen, os Sócrates, Descartes, Hume -"que queres que che diga? A min, ese escocés non me semella a solución para a falta de gol do Madrid"- Kant, Bergson e compañía. En todo caso -Ortega y Gasset dixit-, "en España, para persuadir, es menester antes seducir"; "yo soy yo y mi curcunstancia; si no la salvo a ella, no me salvo yo." Ala!, déanlle Vdes. ás cabeciñas!

Xa que logo, filósofos non seremos; pero contraditorios, si. Velaí, entón, como despois de que hai apenas cinco anos, e mediante a denominada "Lei Wert", deixase de conformarse como materia troncal no Bacharelato, a Filosofía retorna obrigatoria ao currículo escolar. Dando enteiro apoio a unha iniciativa presentada por Podemos, PSOE, C´s e mais o propio Partido Popular veñen de aprobar unanimemente, e na comisión de Educa3ción do Congreso de Deputados, unha proposición non de lei nese sentido. "Nosce te ipsum": tales foron as palabras que un asesor de moita confianza -segundo puideron saber os axentes especiais contratados por este venerable rotativo- lle foi retrucar a Don Pablo Casado cando o líder conservador preguntou arredor da mellor estratexia comunicativa para resultar vencedor na próxima contenda electoral. Engaden aínda os nosos OO7 que, desde aquela, o Sr. Casado non para de declamar diante do espello, e cada mañá, estoutro retruque: "cogito ergo sum; cogito ergo sum; cogito..."

Claro que a pregunta agora non pode ser máis que esta que xa segue: e que pasa con toda a rapazada que, durante os cinco pasados cursos, se veu arredada da "Crítica da razón pura", da "Fenomenoloxía do espírito" e/ou dos "Tres dicursos en ocasións imaxinadas" de Soren Kierkegaard? Como é que van ser capaces, xa que logo, de sentiren o "spleen", as presenzas do "horror vacui", o "dictum de omni et nullo", a constante peregrinaxe entre a Escila da dor e mais a Caribidis do aborrecemento? Como explicarlles agora -instalados que están en na crenza de que o mundo existe realmente, que a casa de "Gran Hermano" constitúe un modelo alternativo á familia tradicional, que a princesa Leonor só se alimenta de chocolate ou que "Operación Triunfo" é de veras un concurso musical- que apenas resultamos ser un puro accidente, unha bágoa perdida no medio e medio da Eternidade? En fin, como han de entender tan sequera aquilo do "caos", o "destroy", o "baile pogo...." en fin, a pura e dura natureza punkie do "no future"? Quen lles devolve o tempo perdido, coitadiños de Deus?

Aínda que, ben pensado, iso de que nada importa, que estudar unha carreira universitaria en serio constitúe un disparate, que axudar aos demais ou participar en política devén cousa de parvos, que comportarse honradamente é síntoma de debilidade e perigo de decadencia sexual... todo iso, e máis, conforma unha evidencia desde parvulitos: xusto nese terrible momento no que nos explicaron que as lambetadas son malísimas para as nosas dentaduras.

Compartir el artículo

stats