24 de octubre de 2018
24.10.2018
tribuna del lector

Mandas testamentarias

24.10.2018 | 09:27
Mandas testamentarias

Hai anos -máis de vinte- que a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) publicou varios libros co mesmo rubro: "En galego, agora e sempre". A colección recolle ao pé de mil mandas testamentarias escritas para a ocasión. Con elas preténdese recuperar unha vella tradición interrompida. No prólogo que escribín digo que é moi frecuente atopar nos protocolos notariais galegos, desde a idade media e ata ben entrado o século XIX, cláusulas testamentarias nas que o testador establecía obrigas extraeconómicas para os seus herdeiros.

Aqueles testamentos -os máis antigos-, encabezábanse con fórmulas estereotipadas nunha prosa ben requintada. As máis comúns son as que rezan así: "Con todo siso e toda miña memoria, dispoño das miñas cousas". Eso, se a persoa que facía testamento non estaba aqueixada dalgunha doenza ou enfermidade que a obrigase a facer as conseguintes precisións sucesorias; daquela, a expresión era esta: "Doente no corpo e pero con todo o meu siso complido, faço e ordino en aquela maneyra após meu passamento". As invocacións á relixiosidade eran tamén recursos moi utilizados.

Algúns destes testamentos contiñan obrigas para os herdeiros de "facer" ou "que se fixese" unha peregrinación a Santiago, por exemplo; ou que se fixese "unha pitança" para os criados nunha data determinada do ano. Estas mandas -as máis delas- son de carácter espiritual de uso moi estendido na época. O seu incrumprimento podería ser sancionado pola autoridade eclesiástica competente.

Cando os escribáns deixaron de escribir en galego por volta do século XV, os testamentos pasaron a ser redactados en castelán. Desde entón, e durante moitos séculos, estes instrumentos xurídicos de gran transcendencia na vida familiar dos galegos están escritos nunha lingua que non é a do testador nin a dos herdeiros testamentarios. Había que reverter esa situación e fíxose da man de don Victorino Gutiérrez Aller, notario que foi de Lalín, a quen a normalización da lingua galega nos usos notariais débelle o recoñecemento do seu exemplar labor de ter redactados no noso idioma milleiros de testamentos. Grazas a el hoxe en moitísimos fogares da comarca do Deza gárdanse estes instrumentos xurídicos. Os seus posuidores vén dignificada a lingua galega porque nela están especificados os seus títulos de propiedades.

Co gallo do Día da Restauración da Memoria Lingüística a AFNLG lanzou a través das redes sociais un microdocumental (ver galeguizargalicia.com) instando a recuperar aquela vella tradición de incluir mandas testamentarias. As de agora, para deixarlles aos herdeiros o mandado de velaren polo fomento da lingua galega nos usos sociais e profesionais, a defensa do patrimonio material e inmaterial, e canto teña que ver coa nosa identidade cultural. A transmisión da galeguidade debe ser unha arela permanente en vida e despois dela. Velaí porque é fundamental renovar o maxisterio galeguizador con outras pedagoxías que motiven os sentementos máis íntimos dos galegos.

É unha oportunidade para reflexionarmos sobre o noso pasado e facermos votos por un futuro mellor para Galicia como fixo Álvaro Cunqueiro, o noso escritor universal, ao deixar escrita a súa lápida antes de morrer, que di así: "Eiqui xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis". Non fai falta ser escritor para ter os mesmos desexos. Cada un de nós é un esteo sobre o que asentan as xeracións que nos han suceder. Co noso compromiso Galicia terá sólidos alicerces para que dure mil primaveras máis. Deixemos constancia escrita del nunha manda testamentria.

*Presidente Foro E. Peinador.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook