Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

No 12 de outubro (y II)

Aznar facía o saúdo militar descuberto, rindo e con roupa civil. O home quería ser coma Bush. Disque Aznar se escaqueou do servicio militar. Por iso ignoraba os regulamentos do saúdo marcial español. A man dereita á gorra cando un vai sen arma longa. Co mosquetón, cruzamos sobre o peito o brazo dereito; en firmes. "¡En pie! ¡Fuera gorros!" -berraba alguén cando metía o fuciño un superior pola porta da compañía. Vin neste 12 de Outubro unha unidade da Guardia Civil en posición de descanso moi dubidosa e máis ben propia do exército norteamericano. Nos xuízos miro acusados latricando co seu avogado, coma nas películas norteamericanas. Tamén miro desaparecer o tradicional "banquillo" español, nos informativos. Os procesados (agora "imputados") falan comodamente perante unha mesa e diante dun micrófono. Testigos e encausados declarabamos en pé perante o tribunal nas vistas. Hoxe fanno sentados, coma nas películas igualmente. E nas salas de nova factura non hai estrados. Parecen xeralmente admitidas iconas da xustiza procedentes de Norteamérica en canto a simboloxía da xustiza española vai desaparecendo.

O españolismo non está contrariado por esta absorción cultural. Eles son moi, moi pro-norteamericanos, mormemente despois da entente histórica, tan cordial, entre Bush e o citado Aznar. O españolismo esqueceu que os EE UU iluminaron todos os procesos antiespañoles das Américas no século XIX, e quedaron para si cunha inmensa franxa de terra ao Norte de México. Dicían os EE UU apoiaren a libertade dos pobos pero o que arelaban era apropiarse do imperio español. Os EE UU derrotaron militarmente a España en 1898, cousa que os patriotas españois xa esquenceron. Cuba só se liberou baixo o liderado de Castro. Filipinas a penas obtivo independencia formal en 1945. Guam, Puerto Rico, son hoxe colonias dos EE UU, sen que iso lle importe moito ao españolismo. A campaña españolista contra Cuba, Venezuela, Nicaragua é incesante hoxe e cobrará novos bríos mañá en México. A autodeterminación do Sáhara Occidental español foi feita abortar polos EE UU e o vello Río de Oro entregado ao despotismo marroquí por decisión de Washington. A campaña madrileña contra Guiné Ecuatorial comezou o día despois da concesión de independencia e fixo que ese país ex-colonial español se botase en brazos da Francophonie. Os españolistas esquenceron os seus propios clásicos, coma Maeztu, e prescindiron da idea de "Hispanidad".

En Vigo hai unha rúa con ese nome cuxo sentido ideolóxico poucos coñecen xa. Eles (a dereita españolista) están hoxe obsesionados pola desaparición do "español" en Galicia, Euskadi e Cataluña, o cal ocorreu real e verdadeiramente en Guam e Filipinas por obra dos EE UU. Son cousas que nos foron vindo á mente no 12 de Outubro.

Compartir el artículo

stats