Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No Salvador e Brescia, repican as campás a festa

"Partindo dos pobres, a Igrexa pode existir para todos, de feito, a honra da Igrexa é que os pobres a sintan"

Óscar Romero

No mediodía deste domingo, as campás da basílica de San Pedro repicarán para anunciarnos que Óscar Arnulfo Romero, o mártir dos pobres e da liberación, asasinado no Salvador o 24 de marzo de 1980, e Paulo VI, o papa do diálogo e da evanxelización, entran no santoral da Igrexa Católica. Uníndose deste xeito as campás das igrexas do Salvador, país de Romero, e as de Brescia, lugar de nacemento de Giovanni Battista Montini, logo Paulo VI.

Coa súa canonización ponse de manifesto que a teoloxía do concilio Vaticano II e a súa aplicación nas propostas teolóxicas e pastorais de teólogos, curas, comunidades cristiás e bispos, abriron novos camiño de presenza e traballo transformador da Igrexa na loita pola xustiza e a liberación. Sen elas a Igrexa quedaría orfa do Evanxeo, e totalmente baleira de contido para poder entender a razón do seu ser no e para o mundo.

Liberación e maxisterio, dous termos que durante moito tempo estiveron enfrontados, atópanse e compleméntanse hoxe en reciprocidade no xesto de Francisco de declarar, na mesma celebración, dous modelos de vida e compromiso cristián a seguir; testemuñas veraces e comprometidos de Xesús na Igrexa do concilio.

Non poderiamos entender a conversión de Romero, quen fora nomeado bispo en 1970, precisamente por Paulo VI, sen a riqueza do maxisterio deste papa.

A encíclica Ecclesiam suam (1964), na que o papa fai unha aposta irrenunciábel e comprometida, en plena celebración do concilio, polo diálogo e o entendemento, renunciando á tentación da apoloxética e da cristiandade; un diálogo que se ha ir construíndo cara dentro, desde a proposta da eclesioloxía da Lumen gentium, no seu ser "Sacramento universal de salvación" e chamado a desenvolvese nos diferentes ámbitos que conforman a comunidade cristiá. E diálogo tamén cara fóra coas institucións que na sociedade traballan por poñer no centro ás persoas, especialmente as máis débiles e esquecidas.

Esta primeira encíclica marca xa o camiño que se concretará despois coa sinatura da constitución pastoral Gaudium et spes (1965) e a publicación da tamén encíclica Populorum progressio (1967) na que denunciaba que unha economía que non parta da persoa, que non busque ser verdadeiramente humana e humanizadora, terá moitos beneficios materiais, pero non servirá para o desenvolvemento dun mundo máis xusto, solidario e en permanente busca do ben común. Unha invitación a deixar de mirarnos no embigo do primeiro mundo para ergue-la mirada cara os máis explotados, os ninguén, dando recoñecemento e visibilidade ao esforzo dos membros das comunidades cristiás , os teólogos e pastores da liberación.

Neste camiño por ir asentando o seu maxisterio, publica no ano 1968 a controvertida encíclica Humanae vitae sobre a procreación responsable e os medios dos que valerse para acadala. O texto supuxo unha fenda entre a voz do maxisterio e a praxe dos matrimonios cristiáns , que segue aberta mesmo hoxe.

Sendo o papa que puxo en marcha a celebración dos Sínodos, como medio da mostrar a pluralidade da Igrexa e a necesidade de que esta pluralidade servise ao papa no seu labor e goberno pastoral, publica o 8 de decembro de 1975, froito dos traballos do Sínodo sobre a evanxelización, a exhortación apostólica Evangelii nuntiandi. Nela propón a necesidade dunha evanxelización que desde o diálogo, a inculturación e a transformación das estruturas que impiden moitas veces a verdadeira liberación integral das persoas, desenvolva o seu labor a Igrexa. Como elemento integrador, non colonizador, de todo canto leve a que a salvación ofrecida en Cristo, sexa verdadeiramente liberadora das ataduras: persoas e estruturas, que someten, escravizan, ignoran, esquecen e explotan aos máis empobrecidos do noso mundo. Este texto marca un cambio de metodoloxía na praxe evanxelizadora da Igrexa, á vez que mostra a continuidade dun pontificado que quere unha Igrexa que acolle e sabe escoitar fronte a unha Igrexa que impón e dá as costas aos problemas das persoas e do mundo.

Hoxe o humanismo de Paulo VI, manifestado na sensibilidade e fondura dos seu maxisterio e a liberación de Óscar Romeo, que tivo como corolario o seu martirio, atópanse en Roma para ledicia e agradecemento de cantos seguimos crendo que a esperanza en Xesús segue a abrir camiños de compromiso e xustiza neste noso mundo líquido.

* Profesor de Teoloxía Moral.

Instituto Teolóxico S.Xosé. Vigo

Compartir el artículo

stats