Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Os primeiros arquitectos monumentais da Prehistoria

Hai máis de 6.000 anos comezan a aparecer na paisaxe unhas novas construcións, descoñecidas ata o momento. Aproximadamente a partires do 4300 AC os territorios da actual Galicia e do norte de Portugal asisten á aparición masiva de monumentos megalíticos, especialmente os dolmens ou sartegos funerarios. Se ben en menor cantidade, non faltan os menhires -pedras fitas de gran tamaño- e os crómlechs ou circos formados por pedras fincadas.

Os megálitos representan, segundo unha coñecida publicación do profesor Antón A. Rodríguez Casal, "A primeira arquitectura monumental de Galicia". En efecto, esas impoñentes edificacións, malia que algunhas sexan máis modestas, aínda nos sobrecollen na actualidade. O tamaño das lousas ou dos monolitos necesarios para erguer os monumentos seguen a plantexarnos razoables dúbidas non totalmente aclaradas, sobre todo nalgúns casos.

Sirva como exemplo o feito de ter ou non dispoñibilidade da materia prima nas proximidades, é dicir, as canteiras de onde proceden as lousas. Aínda que habitualmente parece constatarse unha relativa cercanía entre o monumento e o posible lugar de extracción, ás veces chegan a afastarse entre si máis de un quilómetro, mesmo dous, como parece observarse nalgúns dolmens da Baixa Limia.

Vexan que cada vez que tocamos o asunto dos megálitos, estamos a falar continuamente de monumentos. A que no referimos con iso? Basicamente a que consideramos que tanto a construción como o tamaño ten unha clara intención comunicar algo publicamente, no caso concreto do dolmen, aproveitando unha edificación funeraria. Esa monumentalidade non é unha ilusión dos nosos ollos de observadores contemporáneos, se non que xa estaba presente na mentalidade dos seus construtores co fin de proxectar unha idea -quizá unha ideoloxía- cara os seus contemporáneos neolíticos.

De feito é a primeira vez que as sociedades prehistóricas europeas monumentalizan a morte.

Durante o Paleolítico, que se estende dende a aparición da humanidade ata a invención da agricultura e a gandeira, a base económica foi a caza e a recolección de froitos silvestres. As sociedades de cazadores que precederon ao Neolítico, tiñan coa natureza unha relación de depredación. Aquela encargábase de reproducir os animais e vexetais que servían de sustento, polo que os cazadores tiñan una relación de absoluta dependencia co medio natural, o que fai que este -que denominamos paisaxe natural- estivera sempre presente, non só na economía, se non tamén nas outras facetas sociais e culturais. Porque esa dependencia dos recursos naturais obrigábaos a manter o equilibrio dos ecosistemas. Eran, como diciamos noutra ocasión, "ecoloxistas á forza". Cada ecosistema é parte esencial da despensa paleolítica, polo que faise necesario protexelo sen alteracións, deixando a súa manutención a cargo da natureza. É a auténtica "paisaxe natural", froito dun comportamento por parte das xentes paleolíticas que podemos chamar "cultura naturalizada", inherente á necesidade de conservación da paisaxe salvaxe.

Este comportamento todo o impregna. Incluso os rituais funerarios. As inhumacións do Paleolítico prodíganse no interior de covas (como Sima de los Huesos, en Atapuerca), en simples fosas exteriores e, incluso, depósitos de lixo, entullo e concheiros que, como ben saben, son acumulacións de desperdicios de moluscos bivalvos previamente consumidos. Sábese doutras prácticas funerarias, entre elas a desmembración ou o canibalismo ritual, como se detecta nas covas de Los Casares, Carigüela, Cova Negra, Axlor ou Lezetxiki, por citar as da Península Ibérica. Todo parece buscar a desaparición do finado. O mesmo ocorre cos lugares simbólicos -de culto?-, que parecen preferir o interior das grutas, seguramente aquelas con grandes espazos magnificamente decorados.

Se non, pensen en Altamira como modelo. Son sitios agachados, practicamente ocultos no interior da terra. En nada afectan nin modifican a paisaxe, nin forman parte dos ciclos naturais. Alí non hai noite nin día, polo que non se suceden os ciclos temporais. O tempo non pasa, e polo tanto non transcorre. Parece estar detido, sen mudanzas.

Podemos atoparnos ante a máxima expresión simbólica de anhelado conservacionismo dos cazadores, que necesitan que todo siga igual, que a providencial natureza non sexa alterada.

Pero todo cambiará no Neolítico, que coa domesticación de animais, plantas e paisaxes, traerá unha nova orde económica e cultural. Tamén simbólica, na que se dará unha inversión nas relacións entre as sociedades humanas e os ecosistemas, noutras palabras entre Cultura e Natureza, o que suporá o fin do pensamento salvaxe paleolítico. Esa nova orde será o mundo campesiño. En Galicia, como noutros moitos lugares, os dolmens serán a máxima expresión arquitectónica da nova ideoloxía e da relación das xentes coa paisaxe.

Coa domesticación do territorio o campesiño obtén o control sobre el, apropiándose e ordenando o medio no que vive. Potencia a explotación exclusiva dalgunhas especies animais e vexetais que lle son útiles, formando novas paisaxes totalmente intervidas. Os ecosistemas precedentes, que permitían a reprodución ininterrompida de moitos tipos de plantas e fauna, serán para os campesiños focos de malas herbas e de animalias, contra as que acometen unha feroz aniquilación.

É neste contexto de creación de paisaxes artificiais (paisaxes culturais) no que se orixina a construción de megálitos. Estas novas creacións, especialmente os dolmens cos seu impoñentes túmulos -as mámoas-, "crean relevo", contribuíndo a ordenar e articular as novas paisaxes humanizadas. Ademais estes megálitos exhiben a morte, xusto o contrario que facían os anteriores cazadores-recolectores. Dende este punto de vista o megálito é unha arquitectura monumental que se impón á paisaxe, comportamento que ten todo o sentido e coincidencia histórica cos inicios da transformación do territorio a gran escala, coa súa domesticación e apropiación. Se algo necesitou sempre o campesiño, son terras que cultivar. Xa non lles sirve só transitar por elas, como facían os cazadores.

Neste contexto é o megálito, construción duradeira no tempo e estable no territorio, o que actúa como de fito territorial, comunicando que esas terras pertencen ás xentes que o construíron, acollendo aos seus defuntos que, neste novo mundo campesiño, ao contrario que os cazadores anteriores, son antepasados. Son por primeira vez "historia da comunidade". Como vemos, estas teorías sustentadas dende década de 1960 por investigadores como Colin Renfrew ou Andrew Fleming, explican o dolmen como a instrumentalización do simbolismo dos mortos moito máis alá da súa mera utilidade funeraria.

Máis, as investigacións arqueolóxicas necesitan de datos que se podan contrastar e medir para posteriormente construír teorías válidas. Dende este punto de vista, podemos valorar esa función dos megálitos sobre a paisaxe a partir de dous puntos de vista: a súa consideración como arquitectura e como monumento. A primeira, na que non imos entrar agora polo miúdo deriva da observación dunhas construcións nunca vistas ata o momento, elaboradas con grandes pedras e que precisan de certa tecnoloxía e cálculos de estrutura, aínda que a aprendizaxe técnica sexa quizá máis pola vía da tradición que pola teorización. O realmente importante é o efecto, xa que os que non foron afectados por saqueos e outras accións destrutivas, chegaron ata nós sen ningún tipo de problemas, perfectamente conservados e estruturalmente estabilizados.

Vexamos agora como poderiamos medir esa monumentalidade nos megálitos que, ademais da calidade arquitectónica que antes diciamos, podemos deducir ou relacionar coa "receptibilidade visual", é dicir, dende onde poden ser vistos, "comunicar" a súa presenza e, por tanto, a mensaxe que queren transmitir. Como propoñiamos en varios escritos anteriores, sobre todo en publicacións de carácter académico, a monumentalidade destas mámoas depende directamente de tres factores relacionados entre si e coa visibilidade que proxectan sobre a contorna. Dito doutra forma, do volume total dos materiais acumulados para edificar o megálito, a altura do conxunto funerario e, como non, o lugar específico onde foi erixido.

A forma xeral da mámoa permite asociala a un "casquete de esfera", polo que os volumes dos monumentos, foron habitualmente medidos por medio da fórmula do, serva a redundancia, volume dese casquete, para o que só se precisaban dúas medidas de campo: o radio medio -pola forma irregular das mámoas- e a altura das mesmas.

No que respecta ao emprazamento ou lugar seleccionado, para a edificación, temos constatados megálitos en distintas paraxes, entre elas e por orde de importancia numérica, en chairas, cumios de outeiros, ladeiras máis ou menos suaves e non fondos de val, xunto aos ríos ( talwegs, como se denominan técnicamente na xeomorfoloxía).

Seguramente existiron outros factores que potenciaron máis as súas visibilidades e que co estado de conservación actual dos monumentos agora non podemos valorar. Pero no momento en que estes megálitos estaban en uso e en bo estado, estarían limpas, sen matogueira. Non menos importantes son algúns factores arquitectónicos.

Temos nalgúns casos constatada a existencia de coirazas de seixo branco cubrindo os túmulos e rodeando as cámaras dolménicas.

Imaxinen vostedes por un momento que foramos quen de viaxar a unha paisaxe megalítica no 3800 BC, por poñer un exemplo: vamos camiñando por unha chaira xusto no momento en que rompe o día. Cos primeiros raios de sol, no horizonte máis cercano, recórtase a escura silueta dun monumento megalítico. Adiviñamos o dolmen que sobresae do túmulo. A medida que a luz fai fuxir ás tebras, as imaxes tórnanse nidias. De súpeto o sol incide directamente no monumento. Un potente reflexo irradia en todas as direccións. A luz reflicte, iridescente, nos seixos brancos da coiraza que rodea a mámoa, aínda mollados polo orballo da noite. O megálito comeza a proxectar a súa existencia, emitir a súa mensaxe, chegando nese preciso momento ata lugares moi afastados.

Con esta recreación, que por outra parte en nada é imposible, queremos trasladarlles, queridos lectores, a potencialidade dos megálitos como comunicadores simbólicos da mensaxe de aqueles arquitectos e campesiños prehistóricos que modelaron á medida das súas necesidades as nosas paisaxes dende hai máis de 6.000 anos.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats