Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

TRIBUNA LIBRE

Un debate errado

Probablemente cando un vai a un debate sobre política xeral no que se disecciona o estado real do noso país, as expectativas son altas, e a decepción final proporcional ao que agardabas.

Se na tribuna do Parlamento é máis importante o ego do Presidente, que os problemas dos administrados, ese circo de tres pistas no que as bestas so responden ao látigo, non é máis que o escenario dun fracaso colectivo do que todo somos culpables. O Presidente da Xunta debuxa un país, over the rainbow, no que as galegas e os galegos estamos nun período histórico de bonanza, no que os servizos públicos, son máis públicos ca nunca, a dependencia un mal xa do pasado, e o desemprego unha patoloxía propia dos que non queren traballar.

Esquece o Presidente, instalado na atalaia de Monte Pío, que neste país no que pasamos da tristura da crise, á falsa euforia da recuperación impostada, que aqueles que pagaron a crise a pesares de non provocala, seguen dependendo vitalmente aínda dos desalmados que a causaron. Eis o problema real... os sectores financeiros, e os prebostes en despachos enmoquetados, campan as súas anchas nunha terra acostumada dende tempos inmemoriais a calar e ser submisa con algúns poderosos. Algúns rebelámonos ante esta situación, e dicimos alto e claro que a sanidade neste país é impropia dunha sociedade avanzada, que a política industrial é deficitaria, que os oradores nin lembraron os enormes problemas do sector do leite, e que os mozos e mozas que emigraron, non teñen motivos laborais para regresar.

Fronte a un Feijóo que cre non ter adversarios, a solidez argumentar de Leiceaga, o exceso na linguaxe de Villares -aínda que cantase as verdades do barqueiro-, e a brillantez dunha Ana Pontón que emerxe como unha alternativa sólida de futuro para este país, se a algúns "pais da patria" non se lles dá por poñer atrancos. O discurso de Feijóo o día da chegada dese símbolo deste país como é A derradeira lección do mestre demostra que nestes momentos o partido que goberna Galicia cre estar por riba do ben e do mal, e que calquera barbaridade dialéctica pasa rapidamente a formar parte do limbo dos xustos, onde se acumulan xa demasiadas falsidades sobre o que acontece neste país, que nunca acabarán nin no paraíso do necesariamente superable, nin no averno -probablemente moito máis entretido-, que é recoñecer a propia mediocridade.

*Alcalde de Lalín

Compartir el artículo

stats