Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Educación e autismo

Un debate actual e necesario (I)

O debate a redor das causas dos autismos (TEA) -oscila entre a xenética, ambiente e/ou a combinación de ambas as dúas- prosegue a un ritmo extenuante. Cada semana, cada mes, hai achegas de novas hipóteses de cara a localizar o factor clave. Unha causa xenética? Anomalía inmune? Idade dos pais? Son hipóteses que se suscitan e se avalían, pero que non conseguen o asentimento xeral.

Precisase dunha mesma resposta para todos os TEA ou de respostas diferentes, adaptadas a cada caso? É posible educar a persoa con TEA? Porén, a variedade de casos obríganos a reconsiderar a singularidade na atención aos TEA. Un debate actual e necesario.

Claude Bernard, falou de que "non hai enfermidades senón enfermos". Tampouco "hai autistas senón persoa con TEA". A denominación do TEA, foi cambiando ao longo da historia e continuará. O mesmo pasa co diagnóstico e o tratamento.

A educación no caso da persoa con TEA antollásenos moi complexa no sentido de como interpretala e/ou impartila. O debate é, e non o podemos negar, intenso porque a propia educación forma parte desas tres profesións imposibles -gobernar, educar e analizar- das que fala Freud (1925), e ás que Lacan engade a de facer, desexar? Porén, o educador ten que ir ao encontro dese imposible, acompañando a persoa con TEA e facendo dos impases que se presenten a panca que axude a relanzar o desexo. O educador debe intentar entrar na lingua do alumno, a lingua "que se di" en palabras, pero tamén en xestos e no paso ao acto (acting out).

Todo o mundo tería cabida no "trastorno do espectro do autismo". Os TEA, foron denominados demencia precoz, esquizofrenia infantil, psicoses ou trastorno xeneralizado do desenvolvemento. Leo Kanner illou en 1943 a sintomatoloxía autista, distinguindo entre a causa biolóxica, por descubrir, e as dificultades que o neno lles ocasionaba aos pais.

No libro La batalla del autismo (2013). Grama ediciones de Eric Laurent, remite a que os partidarios do cientifismo tratan de instrumentalizar os resultados obtidos pola bioloxía e a xenética -como as causas do autismo- para invalidar toda abordaxe inspirada na psicoloxía dinámica. En nome da crenza coa cal o autismo seria un "trastorno" puramente cognitivo, só serian admisibles os "métodos educativos", centrados na aprendizaxe.

Os TEA mobilizan todas as ramas da bioloxía, medicina, psicoloxía, educación, así como da psicanálise e practicas psicopedagoxicas mais dinamicas, que estan utilizando e promovendo os centros de educación especial como resposta os retos na comprensión da persoa con TEA.

A abordaxe, autoritaria, única e redutora no campo educativo, é denunciada polas propias persoas con TEA de "alto nivel", como é o caso de Michelle Dawson, manifestando a súa hostilidade respecto, por exemplo, da "industria ABA-autismo", dirixidos aos cambios da conduta, mediante castigos e recompensas, formulando preguntas fundamentais: Que é aprender? Que é saber? Aprendemos -di Dawson- cousas diferentes dun modo diferente, por razóns diferentes, o cal resulta complementario respecto das aprendizaxes e resultados dos "non-autistas", e está en contra da educación da conduta e dos programas ABA.

Si o 5 de outubro do 2017, tivo lugar en Vigo a Xornada: Saúde e Autismo, nese mesmo dia e mes deste ano 2018, terá lugar a Xornada: Educación e Autismo. Saúde e educación dous piares fundamentais na vida de calquera persoa e moito mais, si cabe, nun dos colectivos mais vulnerables como é o caso das persoas con TEA.

*Fundación Menela

Compartir el artículo

stats