Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Catolicismo

Anda a CIA e todo aparello propagandístico (tan devaluado) dos EEUU doéndose dos contactos do Papa de Roma co PCCh a respecto do Status que deben ter na China os católicos. Estes, polo momento, son minoría e de dúas clases. A primeira, a dos xuramentos, digámolo ao modo histórico da Revolución Francesa. Isto é, os católicos que racharon o vínculo político co Vaticano, e que recoñecen o sistema e a legalidade comunista. Tales católicos gozan de libertade pero áchanse excomunicados ou escomungados por Roma. A segunda categoría de católicos chineses é a constituída por uns pequenos núcleos que se negaron a aceptar o goberno comunista e escolleron a clandestinidade. Supoño que o trato, se hai trato, será feito entre a Igrexa de Roma e os católicos xuramentados co fin de estes se reunificaren cos resistentes e acataren de consún, e só no plano dogmático e "espiritual", a autoridade do Papa, vicario de Cristo na Terra. Aí estará o tema central das discusións. O Vaticano practica, desde hai moito, unha política de aceptación a brazos abertos de canta igrexa cristiá especialmente as máis antigas, é autocéfala e non obedece ao Papa, en troques da confisión por parte dos separados, do dogma e doutrina común católica. Política esta chamada "uniata", especialmente nas covas do Vaticano, que lle recoñece aos fillos regresados toda sobre de peculiaridades litúrxicas e disciplinarias. Inclusive, o matrimonio dos cregos (nunca o sacerdocio das mulleres). E coido que vai haber entendemento aínda que estou seguro de que a CIA alimentará unha reducida contumacia de católicos chineses ultraortodoxos que ben poden ser canalizados ao Palmar de Troya, aos Vellos Católicos, ou aos sucesores de Marcel Lefebvre. De neno eu lía moito Catolicismo, revista mundial de las misiones e lembro ben o número no que a publicación deitaba a rego amargues bágoas polo discurso fundacional revolucionario de Mao Tse-Tung en Pekín. Aquela entrega de Catolicismo amosaba un mapa de China cun curso e unha fouce co martelo debuxados enriba. Ao final, a fouce e o martelo non foron parar á bandeira vermella da China, e si a estrela grande do proletariado e as menores do campesiñado pobre, do campesiñado, da pequena burguesía e da burguesía nacional. O pobo chinés, de raíz fonda tacista taoista e tocado en menor medida polo budismo non tántrico, asumiu con facilidade o materialismo dialéctico e non considerou rara a inexistencia dun Deus que non existiu nunca na súa memoria colectiva. As tres liñas de acción relixiosa contra o PCCh por parte da CIA son: o apoio ao budismo dexenerado do Tibet, ao islamismo de Sinkiang e ao catolicismo non xuramentado do Leste. Por non falar da evanxélicos. Se as negociacións entre o goberno (ou sexa o Partido) e o Vaticano (ou sexa o Papa) terminan felizmente, a fronte anticomunista católica en China perderá moita forza. Vexan "Da contradicción, por Mao".

Compartir el artículo

stats