Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De Masters e Commanders

A pequena anécdota é persoal -e saiban disimular os, sempre moi amables lectores, o impudor de vir narrala aquí e agora-; así e todo, coido ben que constitúen, constiuímos, lexión aqueles, de entre os que cursaron/cursamos estudos universitarios nos estertores do franquismo, que poden ofrecer un relato semellante ao que xa segue. Pois é tal que, cando o autor destas liñas deu concluída a súa licenciatura universitaria, os meus proxenitores pretenderon pendurar da parede, e debidamente encadrado, o correspondente título acreditativo, certificado pola Universidade de Santiago de Compostela. Como moitos dos meus compañeiros xeracionais, negueime en redondo a refrendar a procura. Daquela, mentres o meu pai, calado, non deixaba de abanear a cabeza, a miña nai non daba creto diante de tal desidia: "Pero..., a ver: e por que dis que non? Seica se che meteu algún demo na cabeza? Ai, santa Comba bendita!"

Uns anos máis tarde de tal andaina, cheguei a atinxir aínda esoutro documento a avalar a miña calidade de flamante doutor. Porén, de novo en harmonía coa miña xeira, respondín cun "non" rotundo perante calquera pretensión de amosalo nunha parede da, recén estreada, casa de meu. Nin que dicir ten, a familia foime espetar, abraiada, que, sen ir máis lonxe, todos os doutores en Medicina si que penduraban -e continúan a facelo- convenientemente os seus diplomas, para seren observados/admirados por tutti quanti. Retruqueilles que, certamente, iso tiña sentido cando alguén ía informarse arredor dunha dor de estómago, da sintomatoloxía dun trancazo rebelde ou, poñamos por caso, de como lle poñer remedio a unhas hemorroides. "Pero dubido moi moito que lle veñan consultar a un doutor en Filoloxía, que é o meu caso, en relación a como foi que as oclusivas xordas do latín se transformaron en sonoras no noso romance. Ou, outro exemplo, tampouco me parece moi probable que alguén me pida cita para que lle explique a incerteza que lle está a tirar o sono, noite si e noite tamén: isto é, resolver de vez se é verdade, ou non, que algunhas linguas amerindias non presentan diferenzas formais entre nomes e verbos, podendo conxugarse calquera raíz que funciona como nome segundo a persoa gramatical."

Malos tempos, aqueles, para a cousa da "titulitis" -ou "titulite", en galego normativo-. Case renegando de nós mesmos e mais das nosa traxectorias, deixamos de cualificarnos de "mestres", "profesores agregados", "catedráticos".... para devir, moi proletariamente, "traballadores do ensino". Aceptamos, felices, que os nosos alumnos pasasen a tratarnos de "ti" e debatemos, polemizamos... respecto a que cumpría desterrar de España, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos calquera resto de leccións maxistrais, aprendizaxe memorística... en fin, prácticas decididamente obsoletas, patriarcais e "desaxeitadas á nosa realidade". Mentres, os medios de comunicación enchíanse arreo de personaxes fastuosos a proclamaren que "eu non estou en posesión de ningún título nin falta que me fai; estudei na mellor das universidades: a universidade da rúa!"

Mais "mudam-se os tempos, mudam-se as vontades", escribiu o gran Camões. Velaí que, rematando a segunda década dun novo século e fenecido (ou declarado fenecido) o tempo da Segunda Restauración Borbónica (tamén coñecida como "o legado da Transición"), acontece que están a xurdir certas xentes que se precipitan, mesmo que se aceleran, chimpan.... devecen, posesos/as, por engadiren máis e máis cursos, máis e máis diplomas aos correspondentes currículos, mergullados nunha competición voraz na cal todo vale e onde as regras do fair play ficaron definitivamente abolidas. En fin, hai anos, cando Camilo José Cela era aínda Camilo José Cela, alguén lle preguntou por que non viña residir na súa terra natal. "É que se marcho para alá, poida que me queiran nomear, qué sei eu, delegado de algo, gobernador civil... E verá Vde.: eu son unha persoa seria." Pois ben; onde "gobernador civil", poñamos "ministro"ou "dirixente do partido X", e a imaxe devén redonda. Quen foi aquel que afirmou que xa non somos un país pendular?

Situada moi cercana do Zócalo, en pleno corazón da Cidade de Mexico, na praza de Santo Domingo, e por apenas 350 dólares, calquera pode adquirir o título da súa licenciatura, ou mesmo o do doutorado, en Bioloxía, Telecomunicacións, Xornalismo, Enxeñarías varias... É por iso que o lugar leva a sona de resultar o maior, e máis doado, espazo onde converterse en master and commander sen ter que acudir, para iso, a ningún curso, aulas... e/ou aprobar materias, presentar traballos de fin de curso ou defender teses diante dun tribunal ad hoc. A praza de Santo Domingo, en México D.F., leva esa sona, si.

Pero, vaia: vexo que escribín "leva". De certo que moitos de Vdes. xa me corrixiron. Desculpen, pois, a imprecisión: á vita da "que está caendo", debo poñer "levaba".

Compartir el artículo

stats