Sempre o relato foi compañeiro do Imperio, poderiamos decer facendo bulra dunha expresión famosa de Elio Antonio de Lebrixa ou Nebrixa. Hai anos, cando o posmodernismo aínda non estoupara coma unha vincha de xabrón, J.F. Lyotard falaba da Fin dos Grandes Relatos; con fino enxeño.

O certo é que os relatos das orixes sempre lles foron de moita utilidade aos Imperios. Vexan, por caso, como Augusto lle mandou fabricar a Virxilio o Grande Relato de Roma, e resultou a Eneida. Poema que se lexitimaba na Ilíada. Unha das eivas desta España presente (en crise) é que carece dun grande relato nacional.

O Poema del Cid circunscribe o seu sentido a Burgos e a Castela. Os que non somos dalí estamos excluídos. Nós temos os Cancioneiros: son só propiedade dos portugueses e dos galegos e neles non hai España ningunha. Ademáis, os mesmos españolistas expulsaron a leitura do Cantar del Cid e practicamente toda a literatura castelán do bacharelato. A forza dos bos relatos nacionais é inconmensurábel e nada parece ser capaz de vencer un relato potente. Vexan os xudeus. Vexan a Torah, o Pentateuco, a Biblia. Alí contan contos inverosimeis, en primeiro lugar o da creación do Mundo e de Adán e Eva. Relata a Biblia, entre outras cousas que nos son completamente alleas aos europeus, as vicisitudes do pobo israelita pervagando en precura da terra que non tiveran. Alí está un deus único que é só e exclusivamente, Deus de Israel. Trátase dun grandísimo relato.

Esta estoria etnocéntrica e xenófoba serviulle a un pobo sen terra para chegar a tela en datas que eu lembro na miña fraca e curta memoria. A Torah foi a arma que lle fixo posíbel aos xudeus acadar o actual Estado de Israel e asoballar ben asoballados os seus filisteos de hoxe, que son os árabes palestinos. Pero moito antes, Cristo nacera xudeu, e da "caste de David". Non naceu galego, nin español, nin xitano, nin amerindio, nin tibetano, nin bantu. Naceu xudeu e o seu pai era (cal se non?) o Deus do Sinaí.

O prodixio é que o cristianismo, ao saír da sinagoga e extenderse polo Imperio Romano, converteu a Biblia nun grande relato universal. E os nosos devanceiros creron que os deuses deles eran falsos e que non había outro deus ca o deus dos xudeus nin outra estoria verdadeira cá lenda nacional xudía.

Non coñezo ningún outro grande relato -nin o Ramayana, nin a Eneida, nin a Ilíada- que vivise tanto tempo obrigando a tanta xente a venerar profetas e figuras nacionais dun pobo que non é o propio.

Eis a forza dun grande relato ben contado e ben transmitido. Pro vivimos nuns días nos que a hexemonía da razón se enfronta, ás veces sen fortuna, ao poder do mito mintirán. Digámolo nestes intres nos que celebramos o II Centenario do nacemento de Karl Marx, o facho que non cesa. Para nada se trata agora da silva incendiada de Moisés.