Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Sastre con Bergamín

Eu, rapaz, visitaba Alfonso Sastre no Barrio de la Concepción de Madrid, non lonxe da praza de touros. Sastre, era, daquela, un admiradísimo dramaturgo, paralelo a Buero e en contradicción con el. Non ocultaba Sastre as conviccións comunistas. Tempos andados, arredouse do carrillismo eurocomunista. Abafado polo clima da Transición e decepcionado, aquel madrileño capaz de inventarlle un vampiro cañí ao barrio de Las Ventas foise instalar en Euskadi. Fíxose de Herri Batasuna pero nunca deixou de soñar co Arroyo del Abroñigal que xa ninguén lembra poboado de casopas de lata.

Hoxe Guillermo Tell tiene los ojos tristes e os seus escritos de teoría teatral marxista son sombras a penas na memoranza de poucos. Polo que sei, Alfonso Sastre existe e resiste. Durante a Transición, e por non terse dado Ruptura, José Bergamín, grande español do exilio, exiliouse de novo. Bergamín que era taurino, republicano, católico, non soportou os pactos da Transición nin o bipartidismo borbónico e foi vivir a Euskadi, por respirar a pulmón cheo. Regresara a España Bergamín pensando que a entente de Carrillo e Felipe González cos EE UU, coa igrexa católica, cos franquistas evoluídos, co capital monopolista eran estandarte de mudanza. Decatouse axiña de que había tafures naquel xogo.

Morreu Bergamín en Euskadi, de frustración e noxo. Bergamín recibiu sepultura nun cemiterio moi étnico de Euskadi. Soaron chistus e arrouparon o cadaleito coa tricolor e a ikurriña. Alí quedou o corpo de Bergamín, a mais individualista das plumas españolas e editor de Cruz y Raya. Bergamín e Sastre son os intelectuais que necesitaba Pablo Iglesias para ser de todo un Azaña. Nos tempos duros Sastre era un militante enteirizo do PCE que promoveu cartas públicas ao goberno franquista nas que se pedía o fin das torturas (especialmente das torturas ás mulleres) e todas as libertades. A Torrente retiroulle Fraga Iribarne as prebendas de que gozaba por firmar unha das cartas que redactaba Sastre. "Estoy en la calle", dixolle un día Torrente a Sastre na Castellana. "Bienvenido a ella", contestoulle o madrileño leal.

A de Sastre foi unha vida intelectural e política entregada aos principios. Sacrificou a vida, o benestar. Sastre é o grande escritor español que nunca será Premio Cervantes coma Sergio Ramírez nin tampouco individuo de número da RAG. Salvas as enormes distancias, a min Sastre recórdame moitísimo a altura ética de Valle-Inclán. En canto a José Bergamín, el é o espello cóncavo no que se reflicten deformados, na calle de Juan Álvarez Gato, os figuróns do episcopado español de onte e de hoxe. Cando se fale da Transición "modélica" de España é preciso ollar para mortos coma Baena e Reboiras, si. Pero tamén para intelectuais coma José Bergamín e Alfonso Sastre.

Compartir el artículo

stats