Caeu definitivamente o Reino de Galicia, foi suprimida a súa Xunta e puxéronse a funcionar as provincias da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra como únicas e desconectadas entidades políticoadministrativas. O lapis centralista deixou fóra destas provincias unha boa porción da nosa Terra. A porción asturiana que chamamos Eo-Navia quedou fóra de Galicia, aínda que era, e é, de lingua galega e non asturleonesa (e menos castelá). O Bierzo Occidental, de forte tradición galega até o día de hoxe, foi incluído na provincia de León. Tres concellos de lingua e cultura galega, Lubián, Hermisende, Pías e Porto, desde a creación das provincias españolas, dependen da de Zamora. O caso dos Tres Lugares, ou municipios, de lingua galega que sobrenaturalmente florecen no val do río Ellas, alá lonxe, na provincia de Cáceres, é caso diferente e del non imos tratar agora. Lemos na prensa que os habitantes de Porto (Zamora) están fartos de ser maltratados en materia de infraestructuras e servizos pola Deputación e pola "Junta Autónomica de Castilla-León".

Porto, como o seu nome indica, usa o noso idioma, aínda que na entidade autonómica á que pertence o galego non é lingua oficial. Concúlcanse, pois en Porto, os dereitos lingüísticos das persoas. Eles non se referen a isto cando se manifestan. Piden apenas, camiños, estradas en condicións, entre outras cousas para que non se eternicen as ambulancias e os buses e coches particulares da veciñanza. Cando, na primeira metade do século XX, se revoltou a xente a causa da interrupción das obras do camiño de ferro Zamora/Coruña, por estas terras izouse a bandeira galega nos concellos como signo de integración nacional. Parece que, os de Porto ameazan con pedir que o seu municipio se desconecte de Castilla-León. Deséxolles aos homes e mulleres de Porto, onde aínda se tanxe o rabel arcaico e se mantén heroicamente nos beizos e na alma toda a inmensidade da nosa lingua, moi boa sorte e éxito nas súas lexítimas reivindicacións. O que nos leva a pensar que os territorios asturianos e leoneses de cultura e lingua galega son moi poucos tidos en conta ou considerados polos nosos partidos nacionalistas, os cales desentenden dos seus problemas e renuncian a presentarse a eleccións fora do dominio autonómico galego.

Recordamos que no Estatuto de 1936 se consideraba a posibilidade de que concellos occidentais de Asturias, León e Zamora poidesen incorporarse a Galicia. Coido que nos achamos diante dun dos puntos febles do actual nacionalismo galego. Outro sería a renuncia incomprensíbel á posta en vigor das parroquias administrativas no noso país, urbano e rural. Curiosamente, en todo o Bierzo e outros territorios galegófonos exteriores funcionan as "Juntas de Distrito" ou "pedanías".